Grandes titulares do Faro de Vigo anuncian a creación entre o cluster da automoción CEAGA e o MIT (Massachusetts Institute of Technology) da Universidade Corporativa da Automoción. Hai que engadir, para ser xustos, que os outros medios de comunicación falan de centro de formación, simplemente.
Ata aquí, pouco que comentar. O CEAGA pode desenvolver as accións que lle parezan oportunas. Iso si, debería coidarse de introducir confusión gratuitamente abusando da linguaxe.
O que sorprende é que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, participe nesta iniciativa financiándoa e comprometéndose a buscarlle unha sede estable, a cargo, imaxino, dos cacarexados 60 millóns de euros cos que vai apoiar ao sector.
Sorprende a implicación institucional da Xunta porque despois de todo o que se leva predicado estes últimos dez anos co modelo Tripla Hélice –en realidade, unha desafortunada denominación para referirse a unha hélice de tres pás: empresas, administración e universidades- como ferramenta imprescindible para o desenvolvemento endóxeno, resulta que nesta iniciativa, prescíndese dunha das pás da hélice, a universidade pública que, como é sabido, se financia a cargo dos orzamentos da Xunta de Galicia, para substituíla por outra foránea cunha deslumbrante imaxe de marca, o mítico MIT.
Agora ben, cando se lee polo miúdo, decatámonos de que en realidade o socio americano desa tan pomposamente denominada universidade corporativa non é máis que unha empresa –un spin off-, unha das tantas que o MIT crea para facer negocio co seu, seguramente merecido, prestixio.
Significa isto que o propio goberno galego non confía nas capacidades das súas universidades públicas, ou simplemente estamos diante dun exemplo typical galician de papanatismo extremo?
Nenhum comentário:
Postar um comentário