Este vinte aniversario da caída do muro de Berlín é unha boa escusa para autoimporse a obriga de falar de Cuba.
Non é fácil nin cómodo, para os que medramos coa foto do Che e a bandeira cubana decorando o noso cuarto de rapaces que cantabamos a Carlos Puebla, a Silvio ou a Pablo Milanés, achegarnos hoxe á situación cubana de xeito obxectivo. Penso, porén, que hai que intentalo.
É innegable o enorme sopro de ar fresco e de ilusión que supuxo a Revolución para a xuventude e as clases populares de todo o mundo.
Non se debe obviar a rexeneración ética e moral que representou para o pobo cubano, materializada nunha sociedade máis igualitaria e xusta, que supuña un enorme contraste respecto da degradación que se tiña acadado co goberno Batista.
Non hai que esquecer que nos peores anos da guerra fría Cuba xogou un importante papel no taboleiro mundial, contribuíndo a un meirande equilibrio entre as dúas grandes potencias.
Non pode cuestionarse o enorme desenvolvemento que nas décadas dos setenta e oitenta acadou cuba en condicións de vida (educación, sanidade), sobre todo si se compara cos países da súa contorna xeográfica caribeña. As cifras de mortalidade infantil, de esperanza de vida, de analfabetismo, ou de titulados universitarios, están aínda aí e seguen a ser un envexable exemplo.
Nin deberiamos deixar de lembrar as leccións de solidariedade que ten dado este país, tanto en Sudamérica como en África.
Todas estas razóns formaban parte do argumentario que temos defendido con ardor en tantas e tantas discusións.
Os que tivemos ocasión de coñecer a Cuba afastada da oferta dos touroperadores (Cayo Largo, Varadero ou La Habana), e dicir, a auténtica Cuba de Pinar del Río, Matanzas, Holguín, Camagüey, ou Bayamo –na provincia de Granma moi cerca de Sierra Maestra e onde non circula aínda o peso convertible– ou mesmo Santiago, os que non fomos a Cuba facer turismo nin en visitas institucionais, os que tivemos ocasión de traballar e convivir con profesionais cubanos, os que puidemos comprobar nun longo período de tempo -poñamos dez ou doce anos- a evolución do país, os que fomos tecendo lazos de amizade na illa, debemos, penso, analizar coa máxima obxectividade posible as actuais condicións, económicas, sociais e políticas que se están a dar hoxe en Cuba. Aínda a risco de que boa parte do que vou dicir a continuación se poida rebater recorrendo á comparativa con Haití ou República Dominicana. Aceito de antemán todos os contraargumentos.
Dende o fracaso de Bahía Cochinos, en 1961, que deixou en evidencia o interese dos EE.UU. por acabar coa Revolución, e da instauración do bloqueo en 1962, os lazos económico-militares entre Cuba e a URSS estréitanse. A partires da crise dos mísiles, en 1962, Cuba pasa a ser un país subsidiado pola URSS. As contrapartidas para os soviéticos eran os recursos naturais –níquel, cobalto,... – e a posición xeoestratéxica da illa. Durante máis de 25 anos a Revolución tiña garantido o sustento económico dos seus logros socioculturais. Non hai entón, en todos estes anos unha verdadeira preocupación pola economía produtiva real.
Coa caída do muro de Berlín e a consecuente desaparición do bloque socialista, cesan as axudas soviéticas e Cuba entra en 1990 no Período Especial. Sen axuda exterior, co bloqueo americano en plena vixencia, sen unha actividade industrial digna de tal nome, a situación vólvese dramática para a poboación cubana. Non hai máis economía que a supervivencia. O PIB caeu máis dun 35% entre 1989 e 1993.
Buscando unha saída a profunda crise económica, en 1993 o goberno introduce algunhas medidas liberalizadoras: a apertura ao turismo, a autorización para investimentos estranxeiros, a legalización do dólar e o emprego autónomo. Estas medidas deixaron ver inmediatamente o seu efecto positivo e en 1994 comézase a saír do Período Especial. Se ben cunha economía cada vez máis dependente da actividade turística.
A partir de 1995, parecía posible conseguir unha certa viabilidade económica. Sen embargo, o bloqueo americano, xunto co practicamente imposible acceso aos mercados financeiros, consecuencia de haber deixado de pagar a débeda externa dende 1986 –non pode recorrer, por exemplo, a créditos do Banco Mundial-, fan imposible a compra de maquinaria e bens de equipo que permitisen unha mínima actualización tecnolóxica do país. Con todo, o boom que supuxo Cuba como produto turístico novidoso, en Europa –nos países mediterráneos principalmente-, Canadá, e tamén despois en Latinoamérica, permitiu unha melloría notable da situación nos últimos anos noventa. Aínda así, no ano 2000 non se tiña recuperado o nivel de vida de 1989.
A caída do turismo a partir de 2001, consecuencia dos atentados do 11-S, a diminución dos prezos do azucre e do níquel, e a suba do prezo do petróleo, xunto aos efectos devastadores da tempada de furacáns e tormentas tropicais de 2001, provocaron unha nova crise económica que anulou boa parte das melloras que se lograran nos anos anteriores. Volveu a escaseza de alimentos e de combustible. A entrada en 2005 no ALBA (Alianza Bolivariana de los Pueblos de América), volveu a situar a Cuba, aínda que en moitísima menor medida que no período soviético, outra vez como economía subsidiada, agora pola Venezuela de Hugo Chavez, contribuíndo a cubrir as necesidades máis básicas.
Sen embargo, a actual crise económica mundial que supuxo unha caída importante da actividade turística, xunto, outra vez, aos desastres naturais, acrecentaron de novo as penurias económicas. Víamos estes días no xornal que se está levando a cabo un drástico recorte dos víveres aos que da dereito a cartilla de racionamento así como a desaparición dos comedores de empresa. Outra vez a vida de moitos cubanos non é máis que un drama diario de loita pola supervivencia.
Iso, unido ás evidentes desigualdades económicas que teñen a súa orixe en dous fenómenos diferentes aínda que inevitablemente relacionados. Dunha banda, a poboación que está en contacto co turismo e polo tanto cos pesos convertibles. Camareiros, taxistas, persoal dos hoteis,... teñen salarios reais infinitamente superiores aos dos profesionais máis cualificados (médicos, enxeñeiros, profesores, músicos, etc.). Da outra, a especie de caste que conforman os militantes do Partido Comunista, que lles faculta para ocupar tódolos postos da estrutura económico-administrativa-política do país. Moitas veces os membros de ambos grupos son os mesmos ou danse entre eles relacións familiares ou de poder.
Deste xeito, a poboación excluída deses dous colectivos anteriores, nunha situación económica de penuria, vese cada vez máis marxinada polo sistema. Unha maneira directa de saír dese círculo vicioso, consentida polo goberno, é a degradación persoal e social que supón o jineterismo –xa sexa masculino ou feminino– para unha parte da mocidade cubana.
As limitacións ás liberdades individuais, o control social e político total que impoñen os CDR (Comités de Defensa de la Revolución), a falla de perspectivas de futuro, a loita diaria pra tira-la fame, pra poder comer..., as dificultades para abandonar o país, están facendo cada día máis difícil a situación dos cubanos. Nin o clima, nin a súa especial filosofía vital son xa suficientes.
Agardo que Obama, co que, ao menos en apariencia, por primeira vez a presidencia de EE.UU. se desmarca das teses da gusanera de Miami, empece por eliminar o bloqueo e facilite así o inevitable cambio que precisa Cuba.
Se a próxima presidencia española da UE servise para contribuír en algo nesta dirección, xa me daría por satisfeito.
Nenhum comentário:
Postar um comentário