segunda-feira, 21 de dezembro de 2009

A hora que marcan os reloxos de Vázquez & Vázquez

Aínda que cada vez que penso no asunto das caixas teño a sensación de que neste blog xa está todo dito, como nestes días semella que se están operando algúns cambios de posición, non queda outra que obrigarse a darlle unha volta máis.

Que PSOE e BNG non tiñan ata hai dous meses o asunto das caixas nas súas respectivas axendas estratéxicas é unha evidencia. Despois de catro anos de goberno bipartito nos que, a pesar de que dende o principio houbo voces que reclamaban algún tipo de toma de posición, non se fixo nada salvo aplicar, con máis ahinco se cabe, a política de buen rollito que viñan seguindo os gobernos Fraga Iribarne. Núñez Feijóo tampouco. En toda a lexislatura anterior en que exerceu como líder da oposición, nin no seu programa electoral, se lle prestou a mínima atención ao asunto. Uns nas verzas e a outros nas patacas.

Cando La Voz de Galicia, despois da crise financeira e do estoupido da burbulla inmobiliaria, consigue poñer ás caixas de aforros na axenda política e levar o debate ao terreo das paixóns e á marxe de calquera análise técnica, BNG e PSOE perciben unha oportunidade de desgastar a un Núñez Feijóo que ata ese momento viña dominando con claridade o panorama político. Calculaban que o presidente ía sentirse incómodo ao verse obrigado a intervir.

O BNG apresúrase a encabezar a manifestación popular, e tomando a iniciativa formula no parlamento unha moción para a reforma da Lei de Caixas.

OPSOE, a pesar das discrepancias internas, súmase pensando que este era tema para desgastar a Núñez Feijóo. Espera que máis pronto que tarde se produza a espantada do PP ao que consideran incapaz de enfrontarse tanto ás tecnocracias dirixentes das dúas caixas como á estratexia deseñada dende Génova para conseguir unha gran caixa estatal fusionando Caja Madrid, CAM e Caixa Galicia.

Mentres, Núñez Feijóo marea a perdiz e faise o remolón. Semella que efectivamente o único que pretende é escorrer o bulto e que non sabe por onde meterlle o dente ao asunto.

Pero cando creron que tiñan a Feijóo atrapado na ratoeira, cando xa o pobo dictara sentencia, aí aparece a habilidade política do presidente. Anuncia que o goberno apoia a fusión-absorción. Dando unha lección de cómo se debe manexar o tempo político, convértese en abandeirado do movemento popular, envólvese na bandeira e súmase á iniciativa lexislativa nacionalista. Unha lei de caixas antes de que remate o ano, co obxectivo de garantir a galeguidade e a solvencia das entidades. Escoitáronse clamores de admiración de parte desa intelectualidade que tanto contribuíu a crear opinión. Xa temos líder, mágoa que non sexa dos nosos.

Ademais de converter en vitoria mediático-popular algo que todos lle prognosticaban acabaría sendo un fiasco, que outros obxectivos conseguíu Feijóo?.

Deixar descolocada á oposición, que tiña claro que, ou polo si o polo non, era unha oportunidade única para facer mella no líder popular.

O PSOE totalmente eclipsado, denuncia agora unha suposta pinza PP-BNG. Vese obrigado a reaccionar e corrixir o rumbo. Despois do pacto para garantir a galeguidade e a solvencia das caixas e desenvolver con carácter de urxencia a reforma da lei, agora aproveitando que a ansiedade levou a La Voz a cometer o erro de filtrar o resultado da auditoría de KPMG, trata de desacabalgarse dese pacto e romper así un consenso perfectamente capitalizado por Núñez Feijóo. Ademais, dálle aire aos localismos vigués e coruñés, e xoga a favor das teses de Blanco, Ferraz, Banco de España, MAFO e Quintás.

O BNG sorprendido pola xogada audaz de Núñez Feijóo só poderá desmarcase forzando os contidos da futura lei cara a cuestións pintorescas. Acabo de ler que aproveitará para fomentar o uso do idioma, ao tempo que esixirá un sistema de xestión baseado no principio da democracia asamblearia. A iso chámaselle política express.

O PP capitaliza a curto prazo a defensa dos intereses de país, ao tempo que lle da unha saída ao lobby coruñés que encabeza La Voz de Galicia. A medio prazo xa se verá... se a nova caixa finalmente non é viable -escenario máis que previsible-, limitarase a evidenciar cal é a situación e cales son as únicas alternativas posibles: ou Caja Madrid ou privatización a favor de Santander ou BBVA. Opcións que xogan a favor da estratexia que defende o PP estatal. Quén sabe, daquela quizás Núñez Feijóo estea xogando xa a partida madrileña.

Agora entendemos mellor a escena da fantástica fotografía de Xoán A. Soler en La Voz de Galicia. A Vázquez (Guillerme) fáiselle tarde, para Vázquez (Pachi) é demasiado cedo. Feijóo marca o tempo do partido.


P.D.- Se o lector quere afondar máis neste asunto recomendo ler a colección de post etiquetados como "caixas de aforros".

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado