O PSOE escenificou hoxe no Parlamento o seu distanciamento do consenso inicial que se conseguira co pacto dos reloxos. Mentres BNG e PP acordaban o texto inicial da futura lei, os socialistas posicionáronse en contra.
Nada importante para superar o trámite parlamentario. Sen embargo, Núñez Feijóo está empezando a empregarse a fondo para evitar a desafección dos de Pachi Vázquez.
Sabéndose gañador do primeiro round, capitalizando a defensa dos intereses de Galicia ao converterse en abandeirado da fusión e mesmo apropiándose da iniciativa lexislativa do BNG para a reforma da lei, deixou sen espazo e sen ningunha capacidade de reacción aos nacionalistas e totalmente eclipsado ao PSOE que foi sempre a remolque, e chegou ao consenso inicial de mala gana e con importantes disensións internas, Núñez Feijóo traballa xa para preparar os hipotéticos escenarios alternativos. É dicir, curarse en saúde ou poñer a venda antes da ferida.
Trátase de salvar a cara na hipótese de que finalmente fracasase a fusión. Por iso arremeteu hoxe contra o PSOE madrileño e o goberno central. Envolvéndose na bandeira unha vez máis, acusouno de tratar con diferente vara de medir a Galicia fronte a outras do Estado, como Cataluña ou Andalucía onde si se permiten fusións intrarrexionais e onde si se reforman ou axustan as leis de caixas autonómicas.
Ademais, ve Núñez Feijóo unha sorprendente coincidencia entre políticos e institucións gobernadas polos socialistas, en alusión a Abel Caballero, alcalde de Vigo, e Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdG-PSOE, co goberno central e, en concreto coa ministra de economía, "para impedir que Galicia siga no mapa financeiro español".
Intenta deste xeito, que o PSOE galego non queira asumir o risco de aparecer diante da opinión como o único responsable do hipotético fracaso e que, polo tanto, decida volver ao consenso.
Se o consegue, as tres forzas políticas estarían no mesmo barco e ningún rival podería capitalizar o fracaso da fusión. Con outras palabras, o éxito sería rentabilizado en exclusiva polo PP, o fracaso repartiríase entre todos.
En segundo lugar, se o PSdG-PSOE volve ao rego do consenso para a defensa dos "intereses estratéxicos de Galicia", podería ser utilizado como ariete para facerlle fronte aos Blanco e Ferraz, ao goberno central e Elena Salgado, a MAFO e o Banco de España, ou á CECA e a Quintás. Sería incómodo para Madrid explicar como é que os socialistas galegos defenden a fusión intraterritorial.
Por último, consolidaría as disensións internas dentro do PSOE galego. Abel Caballero contra todos -ou case todos-.
Mentres Vázquez & Vázquez só pensan no moi curto prazo para atopar algunha saída ao atolladero no que se meteron eles sos, Núñez Feijóo, con varias leguas de avantaxe, deseña xa solucións pensando en todos os posibles escenarios alternativos.
Nenhum comentário:
Postar um comentário