domingo, 27 de dezembro de 2009

Renfe e Portugal: as consecuencias dun AVE exclusivo de pasaxeiros

Abordamos reiteradamente aquí o asunto de cómo estamos desaproveitando a oportunidade de utilizar unha infraestrutura clave, o ferrocarril de alta velocidade, para gañar competitividade.

A pesar de que algunhas voces moi minoritarias vimos reclamando a imperiosa necesidade de que as nosas conexións de alta velocidade sexan mixtas (pasaxeiros e mercadorías), políticos, asociacións empresariais, sindicatos, e unha gran parte da cidadanía esixen de xeito vehemente AVE exclusivo de pasaxeiros e chegar a Madrid en menos de tres horas.

En lugar de discutir con sensatez si é máis conveniente unha infraestrutura exclusiva para pasaxeiros ou quizás fose mellor renunciar a ese plus de velocidade e contar cunha infraestrutura mixta de pasaxeiros e mercadorías, o noso último triunfo foi conseguir, hai uns días, que a conexión Vigo-Porto sexa tamén un AVE de verdade, exclusivo de pasaxeiros (Véxase pailáns de Alta Velocidade).

Lonxe de reivindicar, pensando fundamentalmente na saída de mercadorías, unha conexión máis directa con Europa pola Meseta e o Val do Ebro que lle daría coherencia á conexión Vigo-Porto, e nos convertería en centro económico e loxístico da Eurorrexión, renunciamos en aras desa conectividade express con Madrid, e deixamos que a Rexión Norte de Portugal siga vendo a conexión cara a Lisboa como a verdadeiramente estratéxica para eles (véxase no comboio descendente).

Desperdiciamos a ocasión de esixir a conexión dos portos á rede de alta velocidade. Podería ser a oportunidade de darlle algún sentido a obras tan cuestionadas como o porto exterior da Coruña ou o porto de Ferrol, á vez que se lle daría un pulo de competitividade ao porto de Vigo fronte a Leixoes (véxase AVE e intereses estratéxicos de Galicia). Polo contrario, aceptamos que a nosa hipótetica saída para mercadorías polas Ribeiras do Sil se adíe eternamente.

Non aproveitamos para introducir tamén un pouco de racionalidade no sistema aeroportuario, incluído o Sa Carneiro de Porto. Este último, por certo, si terá conexión coa alta velocidade.

Se políticos, empresarios, cidadanía tivésemos claro cales son os intereses estratéxicos de Galicia e de qué cousas vai depender a nosa competitividade como país e, polo tanto, o noso nivel de benestar, todos estes asuntos terían que estar debatidos e clarificados hai moitos anos.

Como non é así, non somos quen de elevar o debate por riba da sempiterna loita de localismos e da marcaxe ao veciño.

Agora que Renfe, a través dun acordo con Comboios de Portugal, pon en marcha un servizo especial de transporte de mercadorías dende os catro principais portos portugueses -Lisboa, Sines, Setúbal e Leixoes- cara ao centro e o este da Península en menos de 24 horas, poñemos o grito no ceo.

Subliminalmente acúsase a Renfe de xogar a favor de Portugal e en contra de Galicia.

Non estaría demais recordar que, primeiro, Renfe, aínda que pública, é unha empresa e como tal non pode desaproveitar as oportunidades de negocio que se lle presentan.

Segundo, diciámolo tamén nun post anterior, os portugueses si entenden a utilidade da Alta Velocidade e, en consecuencia a conexión Lisboa-Madrid si é de tráfico mixto (pasaxeiros e mercadorías).

Terceiro, o transporte de mercadorías por estrada, ademais de ser pouco racional economicamente, converteuse xa nun importante problema medioambiental, polo que está condenado a reducirse drasticamente no futuro, sobre todo en transportes de longa distancia.

No canto de aproveitar a oportunidade AVE para cambiar a nosa posición xeoestratéxica de periferia de Europa a centro do mundo atlántico, nun país especialmente dotado para o tráfico marítimo, tanto de longa distancia como de cabotaxe cara ao resto de Europa, cando o transporte de mercadorías por estrada sexa fortemente penalizado debido á súa insostenibilidade medioambiental, seremos un país economicamente máis illado que no pasado.

Menos mal que nos queda Portugal...

4 comentários:

  1. Trasno, parabéns polo soberbio blog, que veño seguindo unhas cantas semanas xa, o suficiente como para ter comprobado que é un dos mellores do blogomillo, e dende logo, do mellorciño sobre economía.

    Seguramente, có teu permiso, farei referencia a este artigo no meu blog á volta de vacacións, xa que tratamos de por en contacto Galiza e o norte de Portugal, i este artigo venlle como anel ó dedo.

    En canto ás relacións políticas entre Galiza e o Norte de Portugal, e as decisións (como o AVE, etc) que se toman, sigo a pensar que o problema é que eiqui temos os políticos que temos, e alá están "descabezados", xa que toda relación co Norte de Portugal pasa por Lisboa, ou coa cidade de Porto exclusivamente. Ademáis, aínda queda moito camiño por andar alá, xa que de nós en Portugal saben máis ben pouco, seguen a pensar que Galiza se parece tanto a eles como Extremadura, e vendo o que se atopan cando van ó Corte Inglés de Vigo, a verdade é que non me extraña.

    Saúdos.

    ResponderExcluir
  2. Agradézoche moi sinceramente o comentario. Da un pouco de ánimo. Por suposto que podes utilizar o que queiras do que hai eiquí.
    En canto a Portugal e Galicia, teño pensado escribir algo. A miña experiencia concorda bastante coa túa visión.
    Saúde,

    Moito obrigado

    ResponderExcluir

No faiado