No comboio descendente
Mas que grande reinação!
Uns dormnindo, outros com sono,
E outros nem sim nem não
No comboio descendente
De Palmela a Portimão
Nestes tempos que corren, onde os programas políticos e mesmo as "ideoloxías" se artellan só en función das expectativas de voto, non debería estrañar a recente polémica suscitada na campaña política portuguesa a respecto das conexións TGV (AVE) Lisboa-Madrid e Vigo-Porto e o anuncio da Candidata da dereita Manuela Ferreira de que de resultar ganadora paralizaría ámbalas dúas obras. Aínda que as razóns que hai detrás de cada unha desas decisións son diferentes.
O anuncio electoral de oporse á conexión Lisboa-Madrid é un xeito burdo e elemental de intentar rendabilizar o ancestral temor á colonización castelá. Xa agora mesmo, sen TGV pero con unhas boas comunicacións rodoviarias, hai unha excesiva -en opinión de moitos portugueses- presenza de España polas rúas lisboetas. E non só de turistas de fin de semana que non son quen de deixar na casa o seu chulapismo madrileño, máis ben ao contrario, esa prepotencia infundada acrecéntase en canto cruzan a raia; senón tamén, e sobre todo, de executivos e profesionais que acotío desenvolven negocios na capital do país irmán. Esa presenza demasiado visible xunto á inevitable presión mediática e cultural, ven reverdecendo nos últimos anos ese lóxico temor do peixe pequeno a ser engulido polo grande.
O rexeitamento da conexión Vigo-Porto por parte do partido da dereita ten máis que ver coa estrutura política interna de Portugal e coa defensa da hexemonía lisboeta. Unha vertebración real da Eurorrexión Galicia-Norte suporía sentar as bases dunha megalópole que xa sería visible a nivel europeo e moito máis na península Ibérica. A Eurorrexión suma hoxe o 12 % da poboación da península -ao mesmo nivel que Madrid ou Cataluña-. Dende logo, esa meirande integración, con Porto como líder desa rexión urbana modificaría substancialmente o actual peso económico, administrativo e tamén político das dúas grandes cidades portuguesas. É fácil deixar translucir neste asunto o eterno debate sobre o rexionalismo portugués -referéndum de 1998 incluído-.
Porén, máis aló da campaña electoral, sexa quen sexa o gañador, a conexión Lisboa-Madrid é imparable porque resulta imprescindible para o desenvolvemento dun Portugal que non pode vivir illado de Europa.
Hai máis dúbidas a respecto do futuro da conexión Vigo-Porto. O goberno de Lisboa pode intentar que a conexión europea de Porto pase por Lisboa -quizás no futuro tamén pola conca do Douro-. En segundo lugar, a falta de peso político e administrativo do Norte e a submisión a Lisboa fai que as opinións favorables do mundo empresarial, académico e cultural á unha maior integración con Galicia dificilmente traspasan a esfera privada porque ao final as fabas cócense en Lisboa. Por último, a actitude da administración galega -e española- máis aló dos discursos sempre favorables ao acercamento e a integración, tradúcese en desidia e improvisación á hora de actuar, nomeadamente na obra en cuestión na que aínda hoxe non está claro o trazado que vai cruzar o Miño nin a conexión de mercadorías coa meseta castelá. Todo isto sementa cada vez máis dúbidas no lado portugués. Sería decisiva neste aspecto unha aposta rápida e contundente da administración galega que non semella se vaia producir.
Nenhum comentário:
Postar um comentário