sábado, 23 de janeiro de 2010

Campións en eficiencia?

Comenta hoxe o Faro de Vigo que un dos escasos datos que se poden entrever no power point da conselleira de facenda fai referencia ao índice de eficiencia que acadaría a caixa fusionada.

O índice de eficiencia é o cociente entre gastos de explotación (GE) e a marxe operativa (MO). Polo tanto, canto máis baixo sexa ese cociente máis positivo será, pois significa que unha menor porcentaxe dos ingresos operativos é necesaria para cubrir os gastos de funcionamento.

Pois ben, en 2010 a caixa fusionada tería un índice de eficiencia do 67% (de cada 100 € de ingresos, 67 son necesarios para cubrir gastos de funcionamento). É un índice comparativamente moi pobre, en 2008 Caixanova estaba no 40,83% e Caixa Galicia no 45,16% (véxase o gráfico 1), pero lóxico pois dentro deses elevados gastos de explotación hai que incluír os custos da fusión -prexubilacións, peches de oficinas, adaptación de procedementos, sistemas, culturas empresariais, acondicionamento de oficinas, nova imaxe corporativa, etc.


Gráfico 1. Índice de Eficiencia 2007-2008

O que sorprende é que o power point prognostica para 2015 un índice de eficiencia da caixa fusionada do 47%. É dicir, unha redución de 20 puntos en seis anos -3,33 puntos por ano-. Véxamos cál foi a evolución histórica dese índice de eficiencia para o conxunto das caixas españolas (gráfico 2).


Gráfico 2. Evolución do Índice de Eficiencia para o conxunto das caixas españolas

En 1995, situábase en 63,59%, en 2004, dez anos despois, o índice de eficiencia estaba en 61,48%, é dicir, unha redución de 0,2 puntos por ano. En 2008, o índice estaba en 54,46%. Ou sexa, unha redución de 9,13 puntos en catorce anos -0,65 puntos por ano-.

Repárese ademais, que para o conxunto das caixas españolas, 2008 supuxo un repunte -lémbrese que as subidas do índice son negativas- respecto a 2007 de 8,12 puntos, o que non é máis que o reflexo da difícil situación de crise que atravesan tódalas entidades.

É de agradecer que KPMG teña en tan alta consideración a nosa abnegación e capacidade de sacrificio, porque datos obxectivos que sustenten ese tan optimista prognóstico non hai.

3 comentários:

  1. Boeno, ti ben sabes como se fan ese tipo de estudos. Moito coñecemento das ferramentas, moitos estudos de mercado, segmentacións, análese de escenarios...Despois o barco acaba derivando tamén para onde xurdiron as correntes imprevistas.
    En todo caso, seguro que as previsións de campeonato desa mellora na eficiencia seguro (pero seguro eh) que pasan por unha vía de doble raíl: recorte moi sustancial das condicións laborais e incremento direitamente proporcional ao anterior punto nas comisións que se repercutirán a clientes.
    Despois, se a cousa queda no 47 ou no 73 vai ser debido a outros factores non contemplados. Ademáis, quen carallo se vai lembrar no 2015 deste prognóstico?

    Saúde

    ResponderExcluir
  2. Claro, trabállase exclusivamente para tomar unha decisión nos vindeiros tres meses. Constrúense argumentos con ese único fin -seguro que moito mellor pagados os que fan o estudo que os da FSA que descubrín onte no teu blog-. Do que pase despois, xa nos encargaremos no seu momento...
    Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado