sexta-feira, 8 de janeiro de 2010

Crecemento económico de Galicia: converxendo polo denominador

Acábanse de publicar os datos de PIB per capita do ano 2008. O titular era "Galicia recorta su diferencia de crecimiento con España". Efectivamente, dende o ano 2000 ata o 2008, o PIB per capita galego pasou de ser o 77,70 da media Española (España = 100), ao 86,17. Indicarían estes datos unha converxencia respecto da media española de 8,47 puntos en nove anos.

Neses mesmos nove anos, Cataluña pasou de ter un PIB per capita no 2000 de 121,84 da media española, a 116,92 no ano 2008. É dicir, unha perda de 4,92 puntos en 9 anos.

Euskadi tiña no 2000 un PIB per capita de 122,54 da media española, e ten no 2008 133,84. Un incremento de 11,3 puntos en 9 anos.

Á vista destes datos parece evidente que Galicia, e sobre todo Euskadi, melloraron as súas taxas de crecemento nesta primeira década do século XXI, en tanto que Cataluña empeora.

Sen embargo, se temos en conta a evolución da poboación en cada un dos tres países a percepción é substancialmente diferente. Galicia representaba no ano 2000 o 6,74% da poboación española, Cataluña o 15,46% e Euskadi o 5,18%. Nestes nove anos, tanto Galicia como Euskadi perderon peso demográfico de maneira notable no conxunto do estado. Así, en 2008 Galicia supuña só o 6,03% do total español e Euskadi o 4,67%. Polo contrario, a poboación de Cataluña medrou por riba da media española, e representa en 2008, o 15,95% do conxunto de España.

Se facemos o sinxelo exercicio de calcular cál sería o PIB per capita en 2008 se os pesos demográficos de cada un dos países se mantivesen constantes nos valores do ano 2000, comprobamos que o PIB per capita galego sería en 2008 do 76,66 % da media española. É dicir, 1 punto por debaixo que no ano 2000 (77,70%). Así pois, de manter un ritmo de crecemento demográfico semellante ao do conxunto do estado, lonxe de converxer en nivel de riqueza coa media española, estariámonos afastando (véxase o gráfico 1).

Gráfico 1. PIB per capita de Galicia 2000-2008 con porcentaxe de poboación real e con porcentaxe de poboación constante (ano 2000)

Coa mesma simulación, Euskadi situaríase no 121,06, inferior tamén aos 122,54 do ano 2000 (gráfico 2). É dicir, con taxas de poboación constantes en relación ao conxunto do estado o espectacular crecemento vasco non sería tal. Máis ben ao contrario.

Gráfico 2. PIB per capita de Euskadi 2000-2008 con porcentaxe de poboación real e con porcentaxe de poboación constante (ano 2000)

En tanto que Cataluña cun 120,50, aínda que inferior aos 121,84 do 2000, na medida en que incrementou o seu peso demográfico, podería dicirse que foi o único dos tres países capaz de manter a súa capacidade de xeración de riqueza, aínda que lixeiramente por debaixo do ritmo ao que o fixo o conxunto do estado (gráfico 3).


Gráfico 3. PIB per capita de Cataluña 2000-2008 con porcentaxe de poboación real e con porcentaxe de poboación constante (ano 2000)

A conclusión é, pois, obvia. A nosa lenta converxencia ven motivada esencialmente polo feito de que cada vez temos menos habitantes, en relación ao conxunto do estado. É dicir, a nosa senda de pseudoconverxencia está baseada no feito de que cada vez o denominador é máis cativo. O que significa que cada vez aportamos menos, en termos económicos, ao conxunto do estado. Cada vez temos menos peso específico. Cada vez temos menos influenza política. Cada vez somos menos, non só dende o punto de vista cuantitativo, tamén dende o cualitativo.

6 comentários:

  1. Respeito ao último paragráfo,dende o cualitativo non cho sei, creio que tamén melloramos polo denominador, hehe.En canto a extrapolación , acho-a de interese, mas orientativa, o depende é importante,o aumento de poboación tamén influé no próprio pib, importa o tipo de emigración, etc duar

    ResponderExcluir
  2. Esmorecemos... e algúns presumen e apostan por iso.

    Parabéns polo artigo.

    ResponderExcluir
  3. se de 4 irmans morre un, hai mais herencia para cada un. Pero, melloraron?

    ResponderExcluir
  4. Obrigado polos comentarios. E desculpas por ter abandoado a leira estes días.
    Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado