quarta-feira, 6 de janeiro de 2010

Xacobeo ou novo conto da leiteira

Acabamos de inaugurar o Xacobeo 2010. É sorprendente a alegría coa que as nosas autoridades fan previsións sobre cál será o impacto de tal evento na economía galega. Dependendo do día e do lugar ou do responsable político -conselleira de facenda, directora xeral de turismo, conselleiro de cultura ou presidente- os augurios varían entre o 0,5 e o 3 % de impacto no PIB.

Hai uns días, X.L. Barreiro ironizaba sobre a frecuencia diaria -mesmo por minuto- de peregrinos que se precisaría para acadar os nove ou dez millóns que se prevén necesarios para ese impacto na economía.

O principal argumento que se esgrime para tan optimistas prognósticos é o comportamento do PIB nos anteriores anos xacobeos. Analizamos hoxe aquí, máis polo miúdo, cál foi realmente ese comportamento.

No gráfico 1, móstrase a evolución anual do PIB -en valores absolutos a prezos de mercado- dende 1980 ata 2010 -os anos xacobeos están sinalados en cor amarelo-. Como se observa, ningún ano xacobeo rompe a tendencia de evolución do PIB nos anos inmediatamente anteriores e seguintes. Diríase entón que o comportamento do PIB foi, en esencia, normal en tódolos anos xacobeos ata o de agora.

Gráfico 1. Evolución do PIB galego 1980-2010

Para afondar un pouco máis, no gráfico 2 -os anos xacobeos séguense sinalando en cor amarelo-, compárase esa evolución interanual do PIB en Galicia e no conxunto do Estado. Como se ve, o único ano en que houbo unha diferenza significativa favorable a Galicia foi o de 1982. Un incremento en Galicia de 17,64% fronte a un 15,71% de España. En todos os demais anos xacobeos -1993, 1999, 2004- as diferenzas ou son moi pouco importantes ou son desfavorables a Galicia. E isto a pesar do enorme esforzo inversor que se ten feito, en especial nos anos 1993 e 1999.

Gráfico 2. Variación interanual do PIB en Galicia e en España 1980-2010

Se temos en conta que para este 2010, debido á crise económica, a inversión que se ten feito é ridícula, é fácil concluír que o desaforado optimismo do goberno galego non é máis que unha nova versión do conto da leiteira.

4 comentários:

  1. Magnifica análise, descoñecía estas cifras, moitas grazas (acabo de chuzalo en www.chuza.org).

    Moi bo tamén o artigo de Barreiro, e moi cachondo. Como fago boicoz non o lera antes, pero bueno, se alguén o recomenda, un pecadiño de vez en cando non me levará ó inferno.

    ResponderExcluir
  2. Parabéns polo post. É moi interesante.

    ResponderExcluir
  3. Te mando un cordial saludo y te escribo para invitarte a que agregues tu blog a Territorio Blogs un directorio exclusivo para blogs. Al estar tu blog agregado podrás ganar visitantes de manera considerable.
    Si te interesa visita el sitio: http://territorioblogs.blogspot.com/

    saludos!

    ResponderExcluir

No faiado