Poucos asuntos, pero ben seleccionados, para fixar a atención da cidadanía e que ninguén se despiste, non vaia a ser que empece a falar de cousas que non interesan.
Primeiro os libros de texto, asuntiño de pouco recorrido, pero que tivo o seu aquel. Logo o financiamento autonómico e algunha que outra patochada do conselleiro de cultura. E xa despois os dous temas estrela: a lingua e as caixas de aforros. Polo medio, intercalada de maneira intermitente, a insistencia en poñer de manifesto cada día os desastres do goberno bipartito e en desmontar de xeito sistemático os escasos proxectos de longo alcance que se puxeron en marcha na anterior lexislatura. Así ocorre no ámbito asistencial -tanto en xeriátricos como en garderías-, recursos naturais –concurso eólico, acuicultura, lei de costas-, sanidade –listas de agarda-, en educación –facultades de medicina-, ou en industria –plan Incite de I+D+i-.
Ningún debate estratéxico. Unha superconsellería como economía e industria, que reúne dous dos ámbitos de goberno máis presentables do bipartito, da que dependen tamén o IGAPE –que debería ser a verdadeira axencia de desenvolvemento económico do país- e a D.X. de I+D+i, está a facelo tan ben, está molestando tan pouco, está pasando tan desapercibida, que se diría que non existe. As súas únicas accións visibles foron algunha que outra axuda discrecional a empresas en crise e os máis que discutibles plans de subvencións para reactivar o mercado de automóbiles. Alén diso, algún prognóstico esotérico, pola ausencia de datos que o fundamenten, sobre a pronta saída da crise. Ningunha política industrial, ningunha política económica, o plan de I+D+i -unha das accións de goberno do bipartito máis recoñecida- totalmente desmantelado.
O mesmo se podería dicir de Traballo, Consellería á que se lle engadiu Benestar, que se ocupou algún espazo nos medios foi por contar cunha Directora Xeral de Formación e Colocación condenada por contratación irregular.
Nada en Infraestruturas e Ordenación do Territorio –só dous globos sonda: áreas metropolitanas e reducir o número de concellos-. Nada en pesca –autorizar a Pescanova a construír a piscifactoría en Touriñán-, nada en medio rural –coa que está caendo no sector do leite-, …
O que máis me sorprende e que á vista das enquisas e dos debates sociais parece que esa política de regate curto é a que lle gusta á cidadanía. Imos entrando sucesivamente a todos e cada un dos trapos que nos van poñendo diante.
Ao que se ve, tamén á oposición. Unha oposición desnortada e descabezada, con líderes (?) provisionais sen capacidade para formular algún tipo de iniciativa política de alcance e que se senten máis cómodos –ao tempo que se autoxustifican- neste xogo embarullado, de continua melée, que non vai a ningures.
Gráfico 1. Evolución do PIB (precios de mercado)
Os dous gráficos que se xuntan, falan por si sos. O gráfico 1, mostra a evolución do PIB, que se mantivo dende 2004 por riba da media española -aquel famoso plus de resistencia do que falaba o bipartito-, a falta de coñecer o dato do último trimestre de 2009 para Galicia, semella estar a punto de traspasar a liña vermella e situarnos xa por debaixo.
Gráfico 2. Evolución do paro rexistrado
O gráfico 2, recolle a variación mensual das cifras de paro rexistrado. Evolución mellor en Galicia que en España ata setembro de 2009. Dende entón, mes a mes, imos vendo como as nosas cifras de paro son peores que as do resto do estado.
Ao fin e ao cabo a crise é culpa de Madrid e de Rodríguez Zapatero.
O goberno de Feijóo, unha fraude. Cagada tras cagadaa!
ResponderExcluir