Poucos asuntos, pero ben seleccionados, para fixar a atención da cidadanía e que ninguén se despiste, non vaia a ser que empece a falar de cousas que non interesan.
Primeiro os libros de texto, asuntiño de pouco recorrido, pero que tivo o seu aquel. Logo o financiamento autonómico e algunha que outra patochada do conselleiro de cultura. E xa despois os dous temas estrela: a lingua e as caixas de aforros. Polo medio, intercalada de maneira intermitente, a insistencia en poñer de manifesto cada día os desastres do goberno bipartito e en desmontar de xeito sistemático os escasos proxectos de longo alcance que se puxeron en marcha na anterior lexislatura. Así ocorre no ámbito asistencial -tanto en xeriátricos como en garderías-, recursos naturais –concurso eólico, acuicultura, lei de costas-, sanidade –listas de agarda-, en educación –facultades de medicina-, ou en industria –plan Incite de I+D+i-.
Ningún debate estratéxico. Unha superconsellería como economía e industria, que reúne dous dos ámbitos de goberno máis presentables do bipartito, da que dependen tamén o IGAPE –que debería ser a verdadeira axencia de desenvolvemento económico do país- e a D.X. de I+D+i, está a facelo tan ben, está molestando tan pouco, está pasando tan desapercibida, que se diría que non existe. As súas únicas accións visibles foron algunha que outra axuda discrecional a empresas en crise e os máis que discutibles plans de subvencións para reactivar o mercado de automóbiles. Alén diso, algún prognóstico esotérico, pola ausencia de datos que o fundamenten, sobre a pronta saída da crise. Ningunha política industrial, ningunha política económica, o plan de I+D+i -unha das accións de goberno do bipartito máis recoñecida- totalmente desmantelado.
O mesmo se podería dicir de Traballo, Consellería á que se lle engadiu Benestar, que se ocupou algún espazo nos medios foi por contar cunha Directora Xeral de Formación e Colocación condenada por contratación irregular.
Nada en Infraestruturas e Ordenación do Territorio –só dous globos sonda: áreas metropolitanas e reducir o número de concellos-. Nada en pesca –autorizar a Pescanova a construír a piscifactoría en Touriñán-, nada en medio rural –coa que está caendo no sector do leite-, …
O que máis me sorprende e que á vista das enquisas e dos debates sociais parece que esa política de regate curto é a que lle gusta á cidadanía. Imos entrando sucesivamente a todos e cada un dos trapos que nos van poñendo diante.
Ao que se ve, tamén á oposición. Unha oposición desnortada e descabezada, con líderes (?) provisionais sen capacidade para formular algún tipo de iniciativa política de alcance e que se senten máis cómodos –ao tempo que se autoxustifican- neste xogo embarullado, de continua melée, que non vai a ningures.
Os dous gráficos que se xuntan, falan por si sos. O gráfico 1, mostra a evolución do PIB, que se mantivo dende 2004 por riba da media española -aquel famoso plus de resistencia do que falaba o bipartito-, a falta de coñecer o dato do último trimestre de 2009 para Galicia, semella estar a punto de traspasar a liña vermella e situarnos xa por debaixo.
Gráfico 1. Evolución do PIB (precios de mercado)
O gráfico 2, recolle a variación mensual das cifras de paro rexistrado. Evolución mellor en Galicia que en España ata setembro de 2009. Dende entón, mes a mes, imos vendo como as nosas cifras de paro son peores que as do resto do estado.
Gráfico 2. Evolución do paro rexistrado
Esta é a situación da economía galega despois do primeiro ano de goberno de Núñez Feijóo. Tanto ten. Ninguén parece esixirlle nada. Estamos todos demasiado ocupados e entretidos coa lingua e coas caixas de aforros.
Ao fin e ao cabo a crise é culpa de Madrid e de Rodríguez Zapatero.
Adiantoulle a celebración un chisco :) Hai un ano por está datas Feijóo aínda estaba de campaña electoral. Agora ao importante a min abraiame exactamente o que afirma no cabo do seu post: «Esta é a situación da economía galega despois do primeiro ano de goberno de Núñez Feijóo. Tanto ten. Ninguén parece esixirlle nada. Estamos todos demasiado ocupados e entretidos coa lingua e coas caixas de aforros.Ao fin e ao cabo a crise é culpa de Madrid e de Rodríguez Zapatero.» A crise é asunto do Estado, o autogoberno efectivamente non ten ningunha responsabilidade. Como se confirme a previsión de Caja España de que as únicas economías que medrarán no Estado serán a de Galiza e Extremadura, meu deus quen os vai aturar.
ResponderExcluirChisquiño simplista e contraditorio o argumento, nonsi?. 1. Como "o autogoberno non ten ninguna responsabilidade" en materia económica, ese 0,1% de crecemento que prognostica Caja España haberá que atribuírllo a Madrid (ou a Extremadura?). 2. Como "o autogoberno non ten ninguna responsabilidade" en materia económica,é unha enorme irresponsabilidade manter un goberno poboado de consellerías deseñadas, ao menos nominalmente, para actuar en materia económica.
ResponderExcluirGrazas polo comentario.
Saúde,
xa temos dato, -3,1% para Galiza.
ResponderExcluir