segunda-feira, 8 de fevereiro de 2010

A recorrente milonga da reforma das pensións

Moitas veces tentaron convencernos, aos que temos xa certa idade, de que o sistema de pensións era inviable a longo prazo, fundamentalmente porque a taxa de crecemento do número de pensionistas é moi superior a taxa de crecemento do número de ocupados.

A última campaña forte tivo lugar a finais dos oitenta, comezo dos noventa. Daquela, o obxectivo era vendernos plans de xubilación privados. Os estudos máis sesudos prognosticaban que o sistema vixente estouparía no ano 2000, e que, no mellor dos casos, non pasaría de 2010.

Á vista está a súa capacidade de acerto. O actual sistema ata 2008 viña batendo, ano tras ano, o seu propio récord histórico de superávit.

Hai uns días, outra vez, a patronal das aseguradoras UNESPA presentou un estudo encargado –e pagado- a Rodrigo Rato, presidente de Caja Madrid, José María Fidalgo, ex secretario xeral de CC.OO., Xabier Sala i Martín, economista, Juan Manuel Eguiagaray, ex ministro de Industria, Víctor Pérez Díaz, sociólogo e Juan Chozas, ex secretario xeral de Emprego. A principal conclusión é que o sistema de pensións entrará en déficit en 2022 -incluso antes, se a actual crise se prolonga-, polo que propoñen alongar a vida laboral (retrasar a idade de xubilación) e que se fomenten os instrumentos privados que complementen a pensión. Déjà vu.

Con información tan solvente na man, uns días despois Rodríguez Zapatero en plena cimeira de Davos, acuciado polas grosas críticas internacionais, non ten mellor ocorrencia que anunciar inopinadamente alí que o goberno vai retrasar a idade de xubilación.

A partir de aí, toda a potencia dos medios de comunicación que diante dun feito tan evidentemente indiscutible e contundente, non se cuestionan nada e fan simplemente de altofalantes do traballo que UNESPA lle pagou a Rato e cía.

Onte, sen embargo, publicaba o suplemento Mercados de La Voz de Galicia –sinto non poder colocar o enlace pero este suplemento non está na versión web- un interesante artigo de Albino Prada, no que viña a demostrar, primeiro, que a relación nº de ocupados/nº de pensionistas ven diminuíndo dende os anos setenta con máis intensidade incluso da que se prognostica para os vindeiros corenta anos. Segundo, que supoñendo unha taxa de crecemento da riqueza nos próximos corenta anos, semellante á que se produciu nos últimos trinta, a porcentaxe do PIB que deberemos destinar ao pago de pensións será en 2050, similar á que xa destinamos hoxe.

Así pois, se asumimos que o sistema de pensións é, xunto á sanidade pública e a educación, o cerne do noso estado do benestar, non hai motivo para non seguir destinándolle no futuro a mesma porcentaxe de riqueza que hoxe.

Agora ben, nun sistema económico onde os cambios tecnolóxicos están substituíndo progresivamente man de obra por capital e onde, ao menos nos países desenvolvidos, as actividades intensivas en traballo teñen difícil viabilidade competitiva debido aos maiores custos salariais, non ten ningún sentido que o pago das pensións siga recaendo exclusivamente nos salarios. Do mesmo xeito que hai anos a seguridade social deixou de se financiar a través das cotizacións salariais e pasou a financiarse vía impostos, tamén as pensións requirirán, no futuro, desvincularse dos custos salariais e pasar a financiarse pola vía dun imposto que grave a totalidade do valor engadido xerado.

Nesta mesma liña argumental está dende hai tempo o catedrático Vicenç Navarro. E hai uns días, Jordi Sevilla, ex ministro do goberno de Rodríguez Zapatero, publicaba no seu blog un razoamento semellante.

Son poucos, de momento, fronte ao tsunami que se xera dende o goberno, UNESPA e os medios de comunicación, pero convén non deixar de escoitalos.

2 comentários:

  1. Gostei muitíssimo do artigo de Vicenç Navarro. Se alguém o quiser ler em galego dixo aqui um enlace para umha traduçom:

    http://chantadanova.blogspot.com/2010/02/as-pensons-som-viaveis.html

    Umha aperta irmandinha

    ResponderExcluir
  2. Vicenç Navarro hai tempo que ven defendendo este argumento. Como é incómodo xa non escribe en El País. País...
    Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado