Quizás sexa o momento de volver ao principio neste asunto das caixas. Esquecerse de todo o vendaval mediático-político e centrarse no problema económico-empresarial. Escribía onte Xavier Vence en O Xornal de Galicia un bo artigo que de xeito expresivo titulaba: O FROB é o problema, non a solución.
Efectivamente, toda esta marexada xurde a raíz de que se desenvolve o FROB. Pero o FROB non é unha medida pensada para salvar entidades inviables ou en crise, é máis ben un instrumento para favorecer a concentración bancaria e a redución do numero de entidades. De feito, as súas contrapartidas económicas son leoninas. Na norma de 29 de xaneiro de 2010 que establece os criterios e condicións aos que se axustará a actuación do Fondo de Reestruturación e Ordenada Bancaria nos procesos de integración de entidades de crédito, en todo momento se fai referencia a "entidades de crédito fundamentalmente sólidas", ademais, establece condicións moi restritivas para a pretensión de aplicar estratexias comerciais agresivas por parte das novas entidades que xurdan do proceso de concentración. Non é de estrañar pois, que haxa entidades, i.e. La Caixa, que xa teñen manifestado a súa intención de non recorrer ao FROB.
Así pois, o FROB é un instrumento que se pon a disposición de entidades fundamentalmente solventes que queiran encetar un proceso de concentración vía fusión con outras entidades. Non hai ningunha obriga legal de recorrer ao FROB. Tamén concordo en que o seu obxectivo último, a longo prazo, é a privatización das caixas de aforros.
Polo tanto, toda a marea político-mediática desatada en Galicia, ou ben partía do suposto equivocado de que entrar no FROB era obrigatorio, ou ben se sabía, dende o principio, que algunha, ou as dúas, caixas galegas están en tan mala situación que non poderán sobrevivir por si mesmas. E aquí é onde discrepo da argumentación de Xavier Vence. Dicía no artigo de onte que o FROB vai dotar de tal cantidade de recursos ás entidades que se acollan ao mesmo que lles permitirá aplicar políticas comerciais moito agresivas que borrarán do mercado a aquelas entidades que non dispoñan dese plus de recursos. Primeiro, as condicións do FROB son, en termos económico-financeiros, duras: 7-8% de intereses a devolver en 5 anos. Segundo, o FROB impide procesos de expansión -ao contrario, esixe unha contracción da rede de oficinas-. Terceiro, e sobre todo, aínda non teño visto ningún estudo serio que no mercado financeiro vincule a captación de cota de mercado ao tamaño. A experiencia pasada é máis ben indicativa de todo o contrario. Caixa Galicia e Caixanova, competindo con entidades enormemente máis grandes, BBVA ou Banco de Santander, están captando practicamente a metade do mercado galego. Neste sector a imaxe de marca vinculada ao territorio, a idea de proximidade, de pertenza, mesmo afectiva, é, de momento, moi importante. Item máis, parece que os ventos orixinados na recente crise financeira internacional empuxan cara a entidades deste corte, pequenas e próximas, antes que por mastodontes despersonalizados e incontrolados.
Descartada pois a obriga de acollerse ao FROB, e cuestionadas as súas hipotéticas avantaxes, a viabilidade das nosas caixas, fusionadas ou por separado, depende delas mesmas. Máis propiamente, da súa saúde financeira. Neste sentido, Caixanova ven facendo esforzos nos últimos meses por demostrar, con datos -non sei se fiables ou discutibles- a súa solvencia e as súas posibilidades de futuro. Este esforzo de Caixanova choca co clamoroso silencio de Caixa Galicia.
Para decidir, e lexislar, de maneira efectiva, mellor lle tería sido a Núñez Feijóo haberlle encargado a KPMG unha auditoría sobre a saúde financeira de cada unha das dúas entidades en vez dese xogo de futuribles que agora ten nas mans. Se desa auditoría se derivara unha situación catastrófica de algunha ou das dúas caixas, o esforzo político debería ir encamiñado en dúas direccións. Primeiro, esixir responsabilidades. Segundo, se algunha -ou as dúas- entidades son salvables, lexislar para ter no futuro unhas caixas máis públicas e máis controladas.
Muito bom este artigo. Já é hora de apartar-se do bombardeio desinformativo do binómio político-mediático. Umha aperta
ResponderExcluirGrazas, de novo. Unha aperta.
ResponderExcluirSaúde,