O número de cotizantes en Galicia en marzo de 2010 foi de 1.007.875, o que representa un aumento do 0,15% respecto ao mes anterior. Pero son 23.996 afiliados menos que no mes de marzo de 2009, o que supón unha caída interanual do 2,33%.
No conxunto do Estado o número de afiliados incrementouse en 22.457 (+0,13% respecto a febreiro de 2010), polo que o total de afiliacións ao remate do pasado mes era de 17.594.808.
Este aumento é o segundo que encadea a afiliación á Seguridade Social despois dos 26.000 novos cotizantes que gañou en febreiro. No último ano perdéronse 463.313 afiliados, un 2,57% menos.
Galicia situouse como a cuarta comunidade -por detrás de Baleares, Cantabria e Cataluña- na que máis subiu a porcentaxe media de afiliados en relación a febreiro de 2010.
No réxime xeral estaban dados de alta en Galicia en marzo 734.721 persoas -fronte ás 732.964 de febreiro de 2010-. No réxime de autónomos rexistrouse un descenso situándose en 223.701, fronte aos 223.943 do segundo mes do ano. O colectivo de empregados do fogar rexistrou un leve incremento de afiliados -pasando de 20.516 de febreiro a 20.569-.
En España o réxime xeral foi o que rexistrou un maior aumento da afiliación, ao gañar 32.691 ocupados no mes de marzo, un 0,25% máis, respecto a febreiro. O réxime especial de traballadores do fogar incrementouse un 0,86% e o réxime de autónomos sumou 873 afiliados máis en marzo, 0,03% máis que en febreiro. Co repunte de afiliados de marzo, o réxime xeral ten 13.255.716 ocupados, 393.326 menos que hai un ano (-2,88%), mentres que o réxime de autónomos suma 3.134.666 ocupados, acumulando unha perda de 118.603 afiliados no último ano (-3,65%).
Nenhum comentário:
Postar um comentário