quarta-feira, 7 de abril de 2010

Continúa a destrución de emprego

Despois de que no mes de febreiro o comportamento do paro rexistrado en Galicia, non sendo bo, fose sensiblemente mellor que a media española –un incremento mensual do 1,10%, fronte ao 2,03% de España-, no mes de marzo o incremento en Galicia sitúase lixeiramente por riba da media do estado -0,97% en Galicia, 0,87% en España-, co que se volve á tendencia iniciada en setembro de 2009, con cifras, mes tras mes, significativamente superiores en Galicia (véxase o gráfico 1).

Gráfico 1. Evolución mensual do paro rexistrado

A cifra total de parados alcanza en Galicia os 236.449 desempregados, 24.965 máis que hai un ano (un incremento do 11,80%), e en España 4.166.613, sumando no último ano 561.211 persoas (un incremento do 15,57%).

En Galicia, o incremento distribúese así: colectivo sen emprego anterior 1.030 parados máis, industria 500, servizos 441, construción 428 e agricultura 121 desempregados máis.

Sendo preocupante esta tendencia nas cifras globais, é máis alarmante o que está ocorrendo no emprego industrial.

A industria en Galicia ten un peso no PIB sensiblemente superior á media española, moi por riba do que ten en comunidades como Madrid e Andalucía e preto dos niveis das rexións máis industriais, Cataluña e País Vasco (véxase o gráfico 2).

Gráfico 2. Peso da industria na economía (% do PIB)

É por iso que resulta especialmente negativo para a nosa economía que nos últimos seis meses a industria galega estea perdendo, de xeito continuado, máis postos de traballo que a media española (véxase o gráfico 3).

Gráfico 3. Evolución mensual do desemprego na industria

Despois dun ano de goberno, sería bo que a Xunta de Galicia presentase algunha iniciativa -máis aló do reparto discrecional de millóns de euros a determinadas empresas- coa que, ao menos mostrase que ten algunha preocupación por estes asuntos.

3 comentários:

  1. Eis pior do que nunca a "crisi" com a que ia rematar o "Habichuelas".

    ResponderExcluir
  2. No Estado en marzo aínda que sobe o desemprego aumenta o número de autónomos: http://www.pymesyautonomos.com/default/874-autonomos-mas-en-el-mes-de-marzo

    Que hai dos autónomos en Galiza?

    ResponderExcluir
  3. No seguinte post dou algúns datos, recopilados á présa.
    Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado