segunda-feira, 26 de abril de 2010

Opinión e obxectividade (a propósito dunha interpelación no facebook)

Comentaba hoxe un lector habitual deste blog e socio do Trasno nese outro invento que se chama facebook que “As veces vemos ao Trasno como moi valedor do Presidente de Caixanova, e non sabemos si é merecente de tan bo trato... Para nos as cúpulas das dúas caixas están obrigadas a retirarse, pois a súa xestión non foi cando menos eficaz, e si non, que problema tería calquera das caixas e seguir a súa andaina sen necesidades de fusións, SIP ou ventas de activos?...”

Se fixésemos un repaso dos nosos artigos dende que no mes de outubro comezamos a escribir con regularidade, aí están as entradas antigas para constatalo, sería fácil ver que:

1. Dende o primeiro momento nos opuxemos a que un medio de comunicación, La Voz de Galicia, marcase a axenda política, e económica, do país.

2. Reclamamos, dende o principio, unhas caixas máis públicas e máis galegas.

3. Tamén falamos aquí, dende as primeiras etapas desta interminable polémica, da necesidade de depurar responsabilidades entre os dirixentes das dúas entidades, de ser o caso.

4. Esiximos unha análise estritamente técnica e con datos reais que permitise avaliar con obxectividade a viabilidade e a solvencia de cada un dos diferentes escenarios posibles: fusión, caixas independentes como ata o de agora, ou fusións extraterritoriais alternativas.

5. Criticamos que o debate se teña trasladado ao campo das paixóns máis primarias, proceso no que colaboraron medios de comunicación, intelectualidade e forzas políticas, convertendo unha decisión crucial para economía do país nun Celta-Deportivo dos de antes.

6. A realidade, sen embargo, descorreu como descorreu, chegando a aprobar no parlamento, coa colaboración do BNG, unha lei cuxos dous principais obxectivos eran decapitar a Gayoso e impulsar unha fusión exclusivamente política, sen ningún tipo de análise técnica nin económica, máis alá de pagarlle un millón de euros a KPMG por unha auditoría ad hoc –mantida en secreto e filtrada discrecionalmente aos amigos-, que como case sempre di exactamente o que lle interesa a quen paga.

7. Cando o goberno de Madrid e o Banco de España se poñen serios, primeiro paralizando a aplicación da flamante lei de caixas a través do recurso de inconstitucionalidade, e segundo, forzando a que dunha vez se iniciasen as negociacións, baixo ameaza de intervir unha ou as dúas caixas, ocorre que, para sorpresa de moitos, a posición de forza na negociación outórgaselle a Caixanova e a Gayoso.

8. De maneira que o que nacera como unha fusión a través da que, con pouco disimulo, se pretendía que Caixanova fose absorbida por Caixa Galicia, que despois, a medida que se difundían os rumores sobre a delicada saúde da caixa norteña, pasou a ser unha fusión equilibrada e igualitaria, está sendo, a día de hoxe, unha fusión claramente dominada pola entidade de menor tamaño.

9. O común da cidadanía seguimos sen coñecer información real sobre a situación económico-financeira de cada unha das dúas entidades, pero a deriva que relatabamos no punto anterior só pode explicarse en clave de que Caixanova estea en mellor situación que Caixa Galicia. Desinversións da carteira industrial incluídas.

10. Sendo obxectivos, algunha responsabilidade terán os dirixentes de cada unha das dúas entidades. Tanto nun caso, como no outro.

11. Dende o punto de vista dos comportamentos individuais, é clamoroso o silencio que dende o principio ven mantendo Méndez. Máis aínda si se coñece ao personaxe. Quéirase ou non, Gayoso, ademais de lograr importantes taxas de crecemento en Caixanova, impulsou unha clara vocación industrial cun impacto relevante na economía real galega.

12. Ademais, pode gustar máis ou menos, pero o certo é que Gayoso, con setenta e oito anos, foi quen de facerlle fronte a todo un tsunami mediático e político que tiña como principal obxectivo cortarlle a cabeza.

13. É humano, aínda que estratexicamente sexa un erro, que ao verse nunha posición de forza, despois de todo o que pasou, agora esixa que se visualice moi claramente que a batalla económico-empresarial a gaña Caixanova, deixando moi en evidencia a debilidade de Caixa Galicia.

14. De non ser así, semella que non haberá fusión, porque como tamén escribimos aquí dende o principio, nas alternativas que barallaba Caixanova nunca estivo a integración con Caixa Galicia.

15. Da mesma maneira, segue sendo humano, Gayoso esixe que ou queda moi en evidencia que Núñez Feijóo e o BNG se equivocaron coa lei de caixas e aceptan rectificar, ou non haberá fusión.

16. Por todo isto, o máis probable é que acabe non habendo fusión e que todo este proceso negociador non é máis que un paripé que sirva para xustificar a autorización que a Xunta de Galicia ten que darlle aos respectivos SIP extraterritoriais que unha e outra caixa queren levar a cabo.

17. Por iso empeza a ser urxente que se empezase a analizar, tamén nos medios de comunicación no canto de seguir emponzoñando, a viabilidade desas hipotéticas alianzas de Caixa Galicia con Caja Madrid e CAM. E de Caixanova coa Banca Cívica, con Caja Cantabria e Cajastur, ou calquera outro dos que se rumorean por aí. Non é descartable que tamén nese escenario acaben por xurdir sorpresas, nese caso moito me temo que xa irreparables.

Estas son algunhas das claves dos nosos artigos, nos que sempre tratamos de ser coherentes e obxectivos, aínda que todo este asunto está sendo tan longo, con tantos obxectivos cambiantes, con tantas alteracións nas respectivas follas de ruta de cada un dos actores, que non é fácil non incorrer en algún tipo de contradición.

En calquera caso, teña por seguro o amable lector que me interpelaba no facebook que o Trasno non traballa en Caixanova nin escribe ao ditado de Gayoso.

5 comentários:

  1. Obrigado pola sua resposta.
    Sen ter mais coñecemento das interioridades do proceso que as de calquer outros cidadáns medianamente informados, seguimos sin ver realmente a causa última do proceso, pero para nos non é de recibo a esixencia de Gayoso, (de ser certa), de recibir reparacións "morais"...
    Polo que respecta a negarse a que "A Voz" marque as axendas políticas do país, concordamos con vostede, pero tamén temos "leña" para outros medios mais "simpáticos" para a progresía, ao respecto temos un editorial de "El Pais":
    que escribe vostede xa se posicionou mediante un editorial:
    http://www.elpais.com/articulo/primer/plano/censo/optimo/cajas/elpepueconeg/20100418elpneglse_1/Tes
    Citando a coñecida frase do secretario de Estado dos USA, Cordell Hull, referida a Tacho Somoza, polo que respecta as guerras de xornais, entre dous “fillos de puta”, nos case prefirimos ao “noso fillo de puta” fronte ao de Madrid…
    E habería moito mais que falar, tanto sobre xestións pasadas, sobre perspectivas de futuro e sobre xeitos de exercer un control político que sexa democrático e non oligopólico...
    e de que e coa ventaxa

    ResponderExcluir
  2. Perdoe, erro do copi-pego, do ppost anterior suprima

    que escribe vostede xa se posicionou mediante un editorial:

    ResponderExcluir
  3. ola,
    cando o secretario de estado dos USA fixo ese comentario o que queria dicir era que Somoza era proUSA, mentras que neste caso LaVoz non ten nada que ver cos que nos consideramos nacionalistas galegos,
    na minha opinión autodenominarse comisión promotora da Caixa NACIONAL (disculpen as maiusculas) da Galiza e despois dicir que o seu bando é o de la Voz, Feijoo e companhía; significa que se está moi despistado ou que quizáis son un exponente do forofismo futbolístico que dicia o blogueiro,
    un saudo

    ResponderExcluir
  4. Boa tarde.

    Hoxe, se mo permite, vou discrepar nalgúns puntos do seu discurso, no que, en xeral, coincido dabondo.

    Sego sen ver claro un punto que vostede da por seguro nesta historia: A suposta posición de forza de Caixanova, e a intervención do Banco de España no seu favor. É ben certo que sirve para explicar o devenir dos acontecementos, pero ningún dos protagonistas tense manifestado nese senso, nin hai datos obxetivos que a apoien. Persoalmente, gustaríame creer que é certo (pois son de Vigo, e persoalmente as primeiras fases do intento de fusión pareceronme un "asalto" en toda regla) pero coa manipulación mediática á que nos vimos sometidos (esaxeradamente por parte da Voz, pero tamén presente noutras institucións e medios) eu xa non me creo nada. Algo que xa dixemos antes: os protagonistas principais (Mendez, claro, pero tamén Gayoso, o Banco de España e moitos outros) estannos escaqueando a súa posición. Se recoñecemos que non podemos saber a posición real das dúas caixas, é tamén discutible asumir que unha ten mellor posición que a outra.

    Sobre Gayoso debese falar (tanto coma de Mendez, ollo). Ante os gravisimos ataques persoais respondeu con silencios e solicitando o máis sensato: "prudencia e discreción". Un xesto de racionalidade neste debate descerebrado que algúns teñen plantexado. Pero coido que por moi "humano" que sexa non lle podemos permitir (os impositores, donos de Caixanova, e a sociedade galega en xeral que soporta a súa Caixa) ningún tipo de vinganza, nin de posición maximalista. Moito menos coido que alguén que non é dono da empresa que preside, deba forzar manter o seu posto ata idades totalmente irresponsables, ou de impor a súa persoa sobre unha lei (por moi mala que sexa). Nos negocios non hai negociación que acabe en capitulación total do contrario.

    Se as informacións sobre as esixencias de Caixanova que publica a Voz son certas -non entendo coma nengún membro do Consello de Caixanova saiu negandoas, ainda que fose a título persoal-, coincido en que serían un disparate, e unha forma de forzar o fracaso das negociacións da que sería totalmente responsable. Porque, e este e o quid da cuestión, ¿para que embarcarse nunhas negociacións se sabe que as vai conducir a un punto morto? ¿porque non empezar deixando claras e de modo público as razóns polas que non se quere a fusión con Caixagalicia? ¿Ou explicando os motivos polos que as súas esixencias son tan altas?
    Este é un xogo de trileros, pareceme. Escapanseme as razóns dos intervintes, salvo dos máis apaixoados -os forofos-. Pero coido que están todos a xogar con cartas marcadas, e que o público non sabe en verdade de que vai o asunto.


    Por último, e en relación cun anterior artigo seu, debo dicir en descargo da Voz, que alomenos o columnista Xose Luis Barreiro, (e o editor que o publicou, non o esquezamos) mantiveron unha posición máis escéptica e moito máis lúcida sobre o que debía ser a fusión que a que demostrou a liña editorial do periódico. E iso, sempre é de agradecer, por moito predicar no deserto que fora.

    ResponderExcluir

No faiado