domingo, 23 de maio de 2010

Os efectos pendentes das subprime made in spain

Ao fío da intervención de Cajasur polo Banco de España, ocórrensenos algunhas reflexións.

Hai tres anos, cando estoupou a burbulla das subprime americanas, mentres outros países -Gran Bretaña, Irlanda, Islandia,..- tomaban medidas drásticas para sanear os seus sistemas financeiros, en España adiouse calquera tipo de medida semellante porque, seica, non tiñamos crise económica e o noso sistema financeiro era o máis solvente do mundo mundial.

O único argumento para tal suposición era a meirande esixencia de dotar provisións anticíclicas que o regulador español impoñía ás entidades financeiras. Argumento que sería razoable e suficiente se a dimensión da crise estivese acotada. A día de hoxe, á vista está que esas provisións non ofrecen máis resistencia ao descalabro que unha tea de araña fronte a unha riada.

A crise económica intrínseca ao modelo produtivo español está empezando a provocar agora, consecuencia do estoupido da burbulla inmobiliaria, que xurdan as subprime made in spain. Orixinadas pola moi lasa política de concesión de créditos das entidades financeiras españolas e polos baixos tipos de interese nos anos inmediatamente anteriores á crise.

A consecuencia é o descomunal nivel de endebedamento privado na economía española, tanto de empresas como de particulares.

Con taxas de paro do 20%, a aplicación de políticas anticrise exclusivamente keynesianas, disparou tamén o déficit público. Deste xeito, os mercados internacionais poñen en cuestión, inevitablemente, a solvencia de España e tanto a UE como USA esixen que o goberno español poña en marcha un drástico plan de axuste que conducirá a unha aínda meirande atonía económica que conducirá a máis paro e a unha máis lonxana recuperación.

Neste contexto, a política do Banco de España convértese en errática. Ata hai dous meses, ou menos, opúñase con determinación ás fusións intrarrexionais de caixas de aforros. A estratexia trazada era avanzar cara á reordenación do mapa financeiro promovendo fusións interrexionais que, ademais de servir para ganar tamaño, desvinculasen ás entidades do poder político autonómico. Agora semella que son precisamente as fusións entre entidades da mesma rexión as que se promoven como fórmula máis doada para gañar tempo e evitar así, a intervención das entidades en peor situación. Por este motivo vimos como o Banco de España pasou, en días, de ser o impedimento principal á caixa galega única, a ser o seu principal impulsor.

Agora viuse obrigado a intervir Cajasur. Pésima noticia para a imaxe de España nos mercados financeiros internacionais.

Pero o peor é que, todo parece indicar, será a primeira -ou a segunda- dunha serie de inevitables intervencións, tanto de caixas como de bancos, ás que de maneira forzada e improvisada se verá obrigado por non ter reaccionado no momento en que se fixo noutros países para erradicar os tan cacareados activos tóxicos que, seica, aquí non tiñamos.

A festa está empezando.

3 comentários:

  1. Acredito que nisto é do que vostede estaba falando (copio e colo da web da DW):
    "Tiembla la zona euro: ¿a Atenas seguirá Madrid? "

    http://www.dw-world.de/dw/article/0,,5607667,00.html

    ResponderExcluir
  2. Esta claro que os bancos e caixas españois ainda non teñen afrontado o verdadeiro problema. Hai nada, víamos ben preto a dimensión do problema:
    http://bit.ly/9TTUcg
    (6 millóns de perdas directamente imputables ás contas de Caixanova, máis as posibles da depreciación do activo).

    Agora que as fusión, ante o Tic-tac do reloxo, estanse acelerando por todo o país, vese ben claro que o FROB non é a solución. Comparandoas con outra, a fusión das caixas galegas é bastante máis eficiente -en termos de sinerxias e reducción de gastos en oficinas e persoal- que moitas outras. Algo bo tiña que ter...

    ResponderExcluir
  3. Un pouco máis de leña, agora que o fume parecía apagado:

    http://bit.ly/asrnIH

    ResponderExcluir

No faiado