domingo, 27 de novembro de 2011

¿Resetearemos en 2012?

Se fósemos quen de mirar máis alá da presión diaria que se deriva das primas de risco, das medidas de austeridade, das cifras de paro, do IBEX, de Merkel, de Rajoy, de Sarkozy, ... poderíamos percibir que o verdadeiro problema, máis aló da recesión económica europea e americana, está na enerxía, ou máis propiamente, no control dos recursos enerxéticos.

A día de hoxe, o 65 % do consumo enerxético mundial procede do petróleo e do gas. E outro 25% do carbón. En Oriente Medio (Arabia Saudita, Irán, Iraq, Kuwait, Emiratos Árabes) concéntranse o 60% das reservas mundiais de petróleo. Rusia e os seus países satélites están por riba do 10%. En canto ao gas, Rusia posúe o 33% das reservas mundiais. Oriente Medio concentra outro 40%.

Polo lado do consumo, tanto de petróleo como de gas, Europa e USA, cunha enorme dependencia externa, seguen a ser, con diferenza, os meirandes consumidores. Pero ademais, o enorme incremento do consumo nos países emerxentes -nomeadamente China e India-, presiona á alza de maneira, parece que xa indefinida, os prezos tanto do petróleo, como do gas.

Neste taboleiro mundial, Rusia que é a única gran potencia que ten garantido o autoabastecemento e que ten a chave de practicamente todo o gas que chega a Europa, pretende cada vez máis -superada a debacle que supuxo o desmantelamento da Unión Soviética- exercer a súa influencia e o seu poder a nivel mundial. China, que de momento está só na guerra comercial con EE.UU. e Europa, quere tamén utilizar o seu poder económico para garantir o seu subministro enerxético.

Estes son os tres grandes bloques (USA-Europa , Rusia e China) que xogarán a próxima partida. Con dous grandes obxectivos: o control de Oriente Medio e a superación da crise económica.

Con este panorama, parece cada vez máis factible que a alguén se lle ocorra volver a aplicar a gran solución: resetear o sistema, como xa se fixo en 1914-1918 e en 1939-1945...

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado