sexta-feira, 25 de novembro de 2011

Si o di Merkel non, si o di Krugman si

Hai tempo que os analistas económicos progresistas europeos, principalmente os dos países con problemas, teñen a Paul Krugman como referencia central do seu discurso.

Onte, Angela Merkel levando do ronzal a Sarkozy e a Monti, ao tempo que se negaba a aceptar, por enésima vez, os eurobonos e a falar do BCE como prestamista de último recurso, anunciaba que na cimeira do 9 de decembro presentará unha reforma dos tratados da Unión Europea para avanzar cara á integración fiscal.

Integración fiscal que é o eixo central da receita de Krugman para facer viable o euro e, en consecuencia, para salvar a Unión Europea (véxase, por exemplo,
¿Tiene salvación Europa?).

Resulta inexplicable, pois, que os mesmos que levan tempo sumándose de maneira entusiasta ao argumentario de Krugman, descualifiquen agora a proposta feita onte pola canciller alemá.

Penso que máis que rebaterlle a proposta de integración fiscal, a Merkel habería que esixirlle que acabe de completar o seu modelo.

Primeiro, parece claro que sen integración fiscal non só Alemaña, senón o resto de países cunha moi baixa prima de risco -Austria, Dinamarca, Holanda,...- se negarán en redondo a falar dos eurobonos. A pregunta sería: ¿con integración fiscal aceptarían estes países os eurobonos?

Segundo, é obvio que a integración fiscal acabaría conducindo a unha política económica única na zona euro. E tamén a un control orzamentario centralizado a nivel europeo. A gran pregunta que debería responder Merkel é: ¿estaría disposta Alemaña a aceptar unha estrutura política verdadeiramente democrática que sería a responsable de deseñar e executar esa política económica europea, ou pretende, como ata o de agora, seguir acaparando toda a capacidade de decisión?

Terceiro, unha vez aprobada a integración fiscal, estaría disposta Alemaña a buscar solucións transitorias para que os países en dificultades neste momento poidan superalas e permanecer na zona euro, ou polo contrario, estase pensando en restrinxir esta aos países verdadeiramente solventes consumando así, definitivamente, a tantas veces anunciada Europa de dúas -ou tres- velocidades?.

2 comentários:

  1. O bce já é prestamista de último recurso, nom está a actuar de jeito muito diferente à fed, pois o seu balaço acrescentou-se a 2.2 bilhons e o da fed a 3,escrevo de memoria, o impacto económico nom ter a ser muito difererente, e agora lhe pidem comprar 1 ou 2 bilhons de dívida dos pigs, emfim. Pra evitar acavar na fogueira direi Merkel "jodete y paga", mas o certo é que os pig´s temos muito morro, e merkel acabará como a pior presidente de historia da Alemanha, se curta as ajudas , por curtar após de se comprometer com milheiros de milhons dos aforradores alemáns, e senom por provocar o calote alemám. Me temo que a crise demostra que o projecto europeu estça falhido, melhor voltar a cee como amigos antes de voltar ao 45 como inimigos..saudos

    ResponderExcluir
  2. Había ben tempo que non te achegabas por aquí, Duar. Saúdos,

    ResponderExcluir

No faiado