sábado, 21 de janeiro de 2012

Construción naval: si, aquí tamén os chinos

En 1975 a construción naval empregaba en España a 58.000 traballadores para producir máis de medio millón de toneladas brutas compensadas (cgt). En 2010 quedan menos de 2.500 para construír 240.000 cgt. Podería pensarse que, á marxe da caída da produción, eses datos reflicten un espectacular incremento da produtividade. É certo só en parte. Dende hai moitos anos, os estaleiros españois subcontratan noutros países a construción de partes moi significativas do buque.
Gráfico 1. Evolución do número de traballadores da construción naval en España (1975-2010)

Gráfico 2. Evolución do volume de produción na construción naval en España (1980-2010)
Como é ben coñecido unha parte importante da produción española concentrouse historicamente en Galicia. A día de hoxe aínda se produce aquí máis do 40% da produción española medida en cgt.
Porén, o realmente importante é que a produción mundial, tamén neste sector, historicamente tan importante en Europa, estase concentrando de maneira case total no continente asiático.
Gráfico 3. Distribución da construción naval no mundo 2004-2014 (en Mcgt)

No 2010, ano de maior construción mundial nas últimas décadas, de 51,8 millóns de cgt construídas, Asia acaparou 46,7, é dicir, máis do 90% da produción mundial. E a produción europea, que tivo un lixeiro repunte nos últimos anos da década pasada, estase reducindo de maneira moi notable nos últimos anos. E dentro de Europa, só Alemaña e Turquía manteñen algún volume significativo de actividade.
Gráfico 4. Construción naval en Europa por países 2004-2014 (en Mcgt)

Pero si analizamos como se distribúe a produción entre os países asiáticos, vemos como China, que en 2004 estaba moi por debaixo dos países líderes, Xapón e Corea do Sur, dende 2010 está moi notablemente por riba de ambos.
Gráfico 5. Construción naval en Asia por países 2004-2014 (en Mcgt)

Si nun post anterior analizabamos a penetración de capital chino en empresas de todos os sectores en todo o mundo, incluídos USA e Europa, e despois viamos como nos últimos anos China acadou o liderado na produción de automóbiles, os datos sobre construción naval que traemos hoxe aquí, veñen a refrendar o ritmo ao que este xigantesco país se está a converter na verdadeira fábrica do mundo.
Malas perspectivas para nós. Dúas das actividades industriais máis importantes para Galicia, automoción e construción naval, suxeitas á implacable competencia chinesa.

2 comentários:

  1. Mais que China, non sería Corea do Sur? Porque a maioría dos megabuques estánse a construir nos estaleiros de Corea do Sur (Samsung, Hyundai)... polos curtos prazos de entrega (9 meses polos 2 anos dos galegos) e menor custe

    ResponderExcluir
  2. Era Corea do Sur. Agora xa é China...

    ResponderExcluir

No faiado