domingo, 22 de janeiro de 2012

Perspectivas económicas: outra vez se equivoca o FMI

Esta pasada semana coñecíase que o borrador de informe anual do Fondo Monetario Internacional (FMI) augura para España unha recesión en 2012 de -1,7% do PIB. Recesión que se prolongaría durante todo o 2013 cunha caída do PIB de -0,3%.

Hoxe publica El País a previsión que fai a empresa privada Analistas Financieros Internacionales (AFI), que prognostica unha recesión do -1,3% do PIB en 2012, cunha leve recuperación do 0,3% en 2013.

Estas previsións susténtanse en dous feitos fundamentais. O primeiro, o empeño do goberno en reducir o déficit público dende o 8,3% co que finalizou 2011, ata o 4,4% co que quere rematar 2012. Redución que obviamente provocaría unha importante contracción da demanda interna e un incremento do paro. O segundo, a restrición do crédito que debido á delicada situación da banca non flúe nin cara ás empresas nin cara ás familias.

Á vista do histórico de erros de previsión, tanto do FMI, como de AFI e demais pitonisos económicos, que periodicamente -practicamente cunha frecuencia trimestral- veñen a corrixir sistematicamente  a súa anterior previsión, en a furada do trasno sentímonos plenamente lexitimados para contribuír coa nosa propia previsión. Temos a favor, obviamente, o non ter acumulado ningún erro no pasado por non ter feito nunca este tipo de prognósticos. No peor dos casos, tampouco erraremos máis que calquera destes reputados analistas.

A nosa previsión é, por unha vez, moito máis optimista que a dos restantes prognosticadores. Así, estimamos que en 2012 a economía española permanecerá practicamente estancada, cun crecemento do 0,1% do PIB, mentres que en 2013 o crecemento será do 0,5% do PIB.

Gráfico 1. Perspectivas de crecemento 2012-2013 (evolución do PIB español)

Dous argumentos sustentan a nosa previsión. En primeiro lugar, o cambio de criterio da Unión Europea, que se albisca nas últimas declaracións de Merkosy nas que empezan a apuntar xa a necesidade de poñer en marcha políticas de reactivación económica e crecemento, tanto nos países intervidos -Irlanda, Portugal e Grecia- como naqueles con graves deficiencias estruturais -España e Italia-. Ademais, á Unión Europea non lle queda outra que contrarrestar a agresiva política monetaria que ven realizando a Reserva Federal norteamericana, poñendo en marcha medidas semellantes no Banco Central Europeo.  De feito, aínda que non transcende demasiado, a relaxación das primas de risco das últimas semanas obedece exclusivamente ás enormes inxeccións de liquidez que está a facer o Banco Central Europeo. Cabe esperar que esta política monetaria hiper-expansiva siga aplicándose a medio prazo, sobre todo si se consigue avanzar cara a unha maior integración fiscal a nivel europeo. Esta é a única vía para que, dunha vez, volva a fluír o crédito e se reactive, aínda que timidamente, a demanda interna.
O segundo gran argumento que barallamos é que o goberno de España consiga autorización de Alemaña para relaxar as políticas de austeridade e os obxectivos de redución de déficit público. Entendendo que é importante racionalizar o gasto público, o que non ten ningunha xustificación é esa obsesión por eliminar o déficit a curto prazo, impedindo calquera política pública que puidera contribuír á recuperación económica. Non debemos esquecer que, a pesar do elevado déficit público español, a nosa débeda pública é 15 puntos menor, en termos de PIB, que a de Alemaña, por exemplo. Hai marxe, polo tanto, para adiar o obxectivo de redución de déficit marcado para 2012, acadar un 4,4%, ata o 2014 ou 2015.

Se non se avanza nestas dúas direccións que propoñemos aquí, a incerteza sobre a viabilidade futura da Unión Europea é absoluta.

4 comentários:

  1. O que oh?? Trasno macho, seica foi boa a de onte!!

    ResponderExcluir
  2. Non só crise económica, tamén crise de confianza. Véxote negativo Caralladas... Saúde

    ResponderExcluir
  3. Tome, señor optimista! :-P http://dpeon.com/economia/30-zeitgeist-ii.html

    ResponderExcluir
  4. Acabo de ler o teu artigo en diagonal, despois dedicareille máis tempo. Ademais de que me parece un bo traballo, no básico penso que concordamos. O que eu escribo aquí, precisamente, é que espero para xa un cambio de obxectivos, ou de dogma como ti dis, na política europea. Si non se produce, é obvio que o meu optimismo é infundado. Saúde

    ResponderExcluir

No faiado