sexta-feira, 27 de janeiro de 2012

Corrupción e riqueza ¿algunha relación?

O Índice de Percepción da Corrupción, que anualmente publica Transparencia Internacional -unha organización da sociedade civil que loita contra a corrupción- clasifica aos países en función dos niveis de corrupción percibidos no sector público. Está baseado en enquisas que inclúen cuestións relacionadas co suborno a funcionarios públicos, pagos irregulares nas contratacións públicas, malversación de fondos públicos e outras preguntas que demostran a solidez e a eficacia das administracións públicas contra a corrupción. Utilízanse percepcións porque a corrupción propiamente dita é en gran parte unha actividade oculta que é difícil de medir. As percepcións teñen demostrado, sen embargo, que constitúen unha estimación fiable da corrupción. 

O Índice de Percepción da Corrupción clasifica aos países nunha escala de 0 a 10. Canto máis alta sexa a puntuación máis sólida demostra ser a administración pública dun país fronte ás irregularidades e, polo tanto, a maior puntuación, menor corrupción.

Gráfico 1. Evolución do Índice de Percepción da Corrupción 2004-2011

Para simplificar, seleccionamos unha mostra heteroxénea de trece países. O Gráfico 1, mostra a evolución dende 2004 ata 2011, do Índice de Percepción da Corrupción neses trece países. Nova Zelandia e Finlandia son en todos os anos considerados líderes destacados neste índice. No ano 2004, España ocupaba o posto 22 do mundo, cunha puntuación de 7,1. É dicir, había 21 países cun Índice de Percepción da Corrupción superior ao de España, polo tanto cunha menor corrupción, ou máis propiamente, cunha menor percepción da corrupción. En 2011, España ocupa a posición 31 do mundo, con 6,2 puntos.

Gráfico 2. Índice de Percepción da Corrupción 2011.

O Gráfico 2, reflicte os resultados en 2011 para os trece países seleccionados. Nova Zelandia -1ª posición mundial-, Finlandia -2ª posición- e mesmo Alemaña -posición 14 do mundo-, seguen a ocupar lugares destacados. Pode parecer sorprendente a posición de dous países latinoamericanos, Chile -posición 22 do mundo- e Uruguai -posición 25-, ambos por diante de España -posición 31-. E mesmo a de Irlanda, país intervido, a pesar do que mantén unha excelente posición 19 do mundo. Polo demais, todo bastante coincidente coas ideas preconcibidas que se puideran ter sobre este asunto.

Sen embargo, parece intuitivamente razoable considerar que o nivel de corrupción está en relación inversa á riqueza do país, e dicir, a máis riqueza menos corrupción. Polo tanto, podemos facer o exercicio de ponderar o Índice de Percepción da Corrupción de cada país polo seu PIB per cápita. Os resultados, que se amosan no Gráfico 3, son realmente sorprendentes.

Gráfico 3. Índice de Percepción da Corrupción ponderado polo PIB per cápita (2011) 

Resulta que o país cun índice maior, que equivale como xa explicamos a menor corrupción, pasaría a ser Uruguai, seguido de Chile e, en terceiro lugar Brasil. Nova Zelandia e Finlandia, líderes indiscutibles todos os anos no Índice de Percepción da Corrupción, quedarían relegados ao cuarto e quinto lugares respectivamente.
Aquí o deixo, para que cada quen conclúa o que lle pareza.

2 comentários:

  1. Se, no canto de ponderar o índice e escoller una mostra pequena de países, o representas para toda a poboación en dúas dimensións, a relación entre corrupción e PIB convencional se fai obvia –en parte porque é endóxena á medida que emprega TI: http://filipspagnoli.wordpress.com/stats-on-human-rights/statistics-on-gross-domestic-product-correlations/

    ResponderExcluir
  2. Obrigado polo comentario e pola referencia.
    Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado