domingo, 29 de janeiro de 2012

Patria o muerte, venceremos

O Partido Comunista de Cuba (PCC) celebrou este fin de semana a súa primeira Conferencia Nacional coa presenza de Raúl Castro, presidente do país e primeiro secretario da organización.
 
Ás nove da mañá de onte, 28 de xaneiro, quedou inaugurada a reunión, na que os comunistas cubanos avaliaron a modificación nos métodos de traballo do partido así como a súa política de cadros con "énfase na promoción de mulleres, negros, mestizos e os mozos" a cargos políticos e estatais .
 
Un dos asuntos máis destacados aprobado nesta conferencia é a limitación a un máximo de dous períodos consecutivos de cinco anos a estadía en cargos políticos e estatais, tal e como propuxo Raúl Castro no VI Congreso do PCC, en abril de 2011.

A sesión de apertura correu a cargo do segundo secretario da organización, José Ramón Machado Ventura, que sinalou que esta reunión "non poderá abarcar todas as cuestións", e "vai concentrarse naqueles asuntos que son esenciais para o traballo diario da organización".

Un total de 811 delegados participaron na conferencia, realizada no Palacio das Convencións comunista da Habana e á que a prensa estranxeira acreditada na illa non tivo acceso.
 
Os delegados traballaron en catro comisións para examinar os métodos de traballo do partido, a súa labor política e ideolóxica, a política de cadros e relacións do PCC coa súa filial xuvenil e as restantes organizacións de masas do país.

A Conferencia Nacional do PCC suscitou moitas expectativas por mor da súa novidade, é a primeira na historia do partido, como pola posibilidade de que se tomen decisións tendentes ao relevo xeracional que Raúl Castro reclamou no Congreso de abril de 2011, cando foi elixido primeiro secretario do partido para substituír o seu irmán Fidel.

Sen embargo, o propio presidente cubano rebaixou o perfil da Conferencia ao sinalar recentemente que "o Congreso é o definitivo" e que "non hai que facerse tantas ilusións", só se van discutir "asuntos internos" da organización".

En varias ocasións nos últimos anos, Raúl Castro foi moi crítico do funcionamento do PCC pola súa implicación en funcións "que non lle corresponden" e pediulle que non interfira nas actividades do goberno, ao tempo que esixe un "cambio de mentalidade" para superar "dogmas e criterios obsoletos".

O presidente de Cuba, Raúl Castro, rexeitou hoxe o "modelo pluripartidista" na illa, no seu discurso de peche deste inédito conclave de dous días do Partido Comunista (PCC, único).

"Renunciar ao principio dun só partido sería o mesmo que legalizar ao partido ou os partidos do imperialismo (Estados Unidos) no chan patrio", dixo Raúl Castro, quen tamén é primeiro secretario do PCC.

"Defendemos o sistema de partido único fronte ao xogo da demagoxia e a mercantilización da política", engadiu o mandatario, quen comparou a illa con unha "praza sitiada" polos seus inimigos.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado