sábado, 25 de fevereiro de 2012

A crise tamén é un estado de ánimo, ¿ou non?

Dicía Valdano, aquel ex futbolista reconvertido por un tempo a filósofo, que o fútbol é máis que nada un estado de ánimo. Non faltan expertos económicos que acreditan en que tamén a crise é, sobre todo, un estado de ánimo.

O anterior presidente do goberno Rodríguez Zapatero, sostivo durante un tempo a mesma opinión. Quizá este fose o motivo de por qué el, de natural optimista, se negou durante tanto tempo a aceptar que había crise. So caeu do cabalo e aceptou que a crise non era só anímica, cando dende Europa, ou dende Alemaña, empezaron a poñerlle deberes de obrigado cumprimento.

Os defensores desta teoría opinan que os nosos hábitos de consumo modifícanse simplemente de tanto oír falar da crise. Aínda que a situación laboral ou económica dunha persoa non se teña visto afectada, hai crise e iso significa que hai que gastar menos e que hai que adiar as decisións de compras importantes. Segundo esta argumentación, ao menos unha parte da caída na demanda interna tería a súa orixe nese estado de ánimo xeneralizado.

Se acreditásemos nesta teoría, convirán comigo que o natural pesimismo dos galegos estaría lastrando cando menos en medio punto o crecemento do PIB a respecto da media española.


Gráfico 1. Enquisa conxuntural a fogares: percepción económica persoal e xeral

Consultando algúns datos da enquisa de conxuntura a fogares que fai o Instituto Galego de Estatística é fácil constatar que efectivamente o estado de ánimo dos galegos está polo chan. Véxase, senón o Gráfico 1.


Gráfico 2. Enquisa conxuntural a fogares: dificultades para chegar a fin de mes

O índice de sentimento de consumidor (ISC) está xa, último trimestre de 2011, en -42 puntos. A situación financeira persoal en -23,23. A percepción que teñen os cidadáns sobre a situación económica de Galicia, está próxima aos -47 puntos. As respostas á pregunta de si agora é un bo momento para facer grandes compras, sitúanse en -73 puntos.

Sen embargo, non todo é estado de ánimo. No Gráfico 2, amósanse as respostas a respecto das dificultades da economía familiar para chegar a fin de mes. O 10,52% manifestan que teñen moitas dificultades para chegar a fin de mes. E o 60,34% que chegan con dificultade. Polo tanto, só un 29,14% chegan con certo desafogo.

Á vista destes datos, semella que máis ben é o estado de ánimo o que é consecuencia da crise.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado