Estou lendo demasiados lamentos no twitter pola decisión de Encontro Irmandiño (EI) de abandonar o BNG. Máis que lamentos, ataques furibundos a Beiras.
Ataques centrados, sobre todo, en explicar a excisión unicamente en clave personalista, motivada polo innegable egocentrismo do líder, agochando ou esquecendo os verdadeiros motivos. É xa imposible manter a ficción de unidade nunha forza política na que conviven dúas tan diferentes concepcións de país e da maneira de desenvolver a acción política.
A segunda liña argumental denuncia a incoherencia que supón saírse dunha formación á que se pretendeu liderar hai só unha semana. Dende logo, está fóra de toda dúbida o triunfo democrático da UPG na última asemblea. Pero si realmente quixesen evitar a ruptura, deberían ter administrado mellor, tanto o propio desenvolvemento da asemblea -os contidos do documento político aprobado déixanlle poucas opcións aos perdedores-, como despois o triunfo conseguido. Semella que, tomando como referencia o histórico, non acreditaban nas posibilidades de que callase a escisión.
Non debería reaccionar así a xente da UPG. A saída de EI, despois de que xa anunciasen a súa saída Esquerda Nacionalista e tamén previsiblemente o Partido Nacionalista Galego, ademais do abandono a título individual de algúns destacados militantes coma Pérez Bouza, Teresa Táboas, Lidia Senra, Xavier Simón -alcalde de Arbo-, ou Pérez Lema, e si finalmente +Galiza tamén decide marchar, deixará por fin á UPG mans libres para facer a política que quere.
Á marxe de responsabilidades institucionais -agás en Pontevedra- e sen ter que preocuparse polo votos, xa sen lastres internos, poderá, despois de vinte anos de perder o tempo tentando medrar en número de votos, volver a converterse ao cabo na verdadeira conciencia crítica deste país, sen veleidades cara á galería nin concesións ás políticas posibilistas.
Mágoa que ao final Aymerich e +Galiza, decidindo quedarse dentro do BNG, sigan perturbando no futuro o traballo da U.
Con todo o aprecio e respeto que me merece a túa opinión e o teu blogue dúas puntualizacións:
ResponderExcluir- tes razón os ataques persoais a Beiras están fóra de lugar.
- despois dun ano falando con xente da U e dos que non son da U. Todos eles militantes de base sen responsabilidade ningunha, quedaronme claras dúas cousas, os da U teñen un proxecto, reseso e anocronico pois é o dos 70, máis teñén un proxecto. Os non U, so tiñán o proxecto de que non mandase a U.
O que quero dicir co punto dous é que uns e outros disparan contra quen non é. Os problemas da caída de votos e do nacionalismo en xeral van alén dos partidos/faccións/líderes do BNG. Nin uns nin outros parecen terse enterado. A ruptura é unha desfeita a curto prazo. Se despois da gran hostia das autonómicas uns e outros reflexionan: modernizan o proxecto os da U, teñen un os outros, e analizan todo o que esta fóra das liortas internas igual o nacionalismo ten futuro. Se seguen igual a ruptura destes días será o fito histórico de como o nacionalismo se enterrou a si mesmo. Mentres os que miramos desde fóra debemos evitar caer no mesmo erro ca eles. Beiras/a U non son os malos nin os bos.
Un saúdo desde Galizauberalles.
Desculpas polo retraso en contestar Lannister. En liñas xerais concordo co teu argumento. O verdadeiro problema é a cada vez menor sintonía da cidadanía co proxecto nacionalista.
ExcluirPorén, penso que neso si inflúen tanto o proxecto trasnoitado da U, como o carisma dos líderes. A respecto do primeiro asunto, resulta xa inviable pensar que se pode gañar apoio social con propostas de liberación nacional anticolonialistas e cun modelo socio-económico marxista-leninista. E non estou dicindo que non poidan ser lexítimas esas propostas. Simplemente que, para avanzar nesa dirección o modelo democrático institucional no que estamos é inviable.
Na segunda cuestión, dentro deste modelo no que estamos, é indubidable que o liderado carismático é definitivo. E aquí si creo que Beiras é o único que ten demostrado resultados neste senso.
Penso tamén que non é negativo que os que miramos dende fóra poidamos, sensatamente, dar a nosa opinión.
Saúde,
Claro que podemos dar a nosa opinión. Simplemente quero dicir que non caiamos no erro de velo todo coa súa optica de ou comoigo ou contra min. Beiras segue a ser o máis carismatico de todos, porén para que a cousa quede nalgo máis ca unha arroutada precisase moito mais. De feito o mellor tería sido unha entente cordiale onde cada un tivese posto o que si ten:
ResponderExcluir- A U a capacidade organizativa e de traballo
- Beiras o carismo e a oratoria
- Máis Galiza a imaxe de que son algo distinto
e todos xuntos tentar aproveitar a situación para mellorar o asunto. Non foi así e o único que podemos esperar e que a cousa se clarifique canto antes e que por suposto na campaña: os partidos/coalicións resultantes tiren contra o PP e non uns contra outros. Aínda que tal e como vai a cousa vexo que o asunto vai ir máis polo axuste de contas que pola outra banda.
Un saúdo.