Os clientes de Nova Galicia Banco con participacións preferentes empezan a mobilizarse. Intento de ocupar as oficinas do banco en Vigo e no Morrazo, asembleas e mobilizacións en toda Galicia.
Estímase que hai entre 80.000 e 100.000 afectados (máis do 3% da poboación galega). O propio banco confirma que dende 2003 as antigas caixas levan emitido preferentes por valor de 1.291 M €.
As participacións preferentes son un produto financeiro complexo que reúne características da renda fixa e das accións. A súa principal característica é que son perpetuas, é dicir, non teñen data de vencemento. Polo tanto, para recuperar o capital hai que poñelas á venta e agardar que alguén as compre. Pero claro, o prezo será o que marque o mercado, e pode ser moi inferior ao capital inicialmente investido. Ademais, non están garantidas polo Fondo de Garantía de Depósitos, polo que se o banco quebra perderase o capital.
Coa crise, as preferentes acabaron converténdose nunha trampa. Primeiro, se a entidade emisora non ten beneficios, ese ano non se cobra o cupón. Segundo, para recuperar a inversión hai que estar ao prezo que fixe o mercado secundario no que cotizan; polo que pode ocorrer que haxa que vender moi por baixo do prezo de compra. Terceiro, se nese mercado hai moitas ordes de venta e poucas de compra, resulta practicamente imposible vender, e polo tanto, imposible recuperar o capital.
Isto último é o que está a acontecer agora mesmo. Os aforradores non poden recuperar o seu capital. O que resulta grave cando os bancos e as caixas abusaron da confianza dos seus clientes para colocarlles este produto, ofrecendo garantías de que se podía recuperar o capital de maneira inmediata.
A finais de 2011, algúns bancos comezaron a lanzar ofertas de cambio aos posuidores de preferentes. Por exemplo, o Santander fixo unha moi boa oferta, cambiar o 100% do capital investido en preferentes por accións do banco. O Banco de Sabadell tamén adoptou unha boa solución, cambia o 90% do capital investido en preferentes por accións do banco; ademais, si se manteñen as accións ata o final de 2012 da un 12% adicional en accións. La Caixa lanzou unha oferta que está resultando polémica pola escasa liquidez que oferta; cambia o 70% do capital investido en preferentes por obrigacións subordinadas a 10 anos e o 30% restante por bonos convertibles en accións, a metade con vencemento en xuño 2012, a outra metade xuño 2013.
É interesante saber, sen embargo, que o motivo destas ofertas non é unicamente axudar aos seus clientes a desprenderse duns produtos perpetuos e sen liquidez, senón adaptarse á normativa Basilea III, segundo a cal, a partir do 1 de xaneiro de 2013, as participacións preferentes deixarán de contar no Tier I, é dicir, deixarán de servir ao banco para reforzar o seu capital.
Con todo, calquera desas entidades posibilita unha saída para os clientes atrapados no invento das participacións preferentes. Outras entidades, como CAM, Banca Cívica, ou Bankia, seguen sen ofrecer ningunha solución.
Nova Galicia Banco tampouco. Podería pensarse que un banco que nace co slogan "un novo banco cos clientes de toda a vida" e que segue funcionando a día de hoxe unicamente grazas á fidelidade que a cidadanía galega lle tiña ás antigas caixas, debería ter como primeiro e fundamental obxectivo non socavar aínda máis a confianza dos seus clientes.
Podería pensarse que se algunha avantaxe debería derivarse de ser cliente dun banco nacionalizado tería que ser precisamente a seguridade e as plenas garantías de bo funcionamento.
Podería pensarse que un banco que nace da decisión -imposición- política de fusionar as antigas caixas, estaría sometido a un mínimo control por parte do goberno galego que impedise este tipo de falcatruadas.
Pero non. A nova xeira ultraliberal na que estamos é así. Sálvese quen poida.
Nenhum comentário:
Postar um comentário