terça-feira, 14 de fevereiro de 2012

O señorito da Reboraina seica sempre chama dúas veces

O culpable é Beiras. Ou máis propiamente, o seu afán de protagonismo. Ou, aínda peor, as súas ansias de poder. Esta é capacidade de análise que dende Galicia exportamos estes días á prensa madrileña e barcelonesa. Grande contribución á posta en valor político do país. 

Lendo esas análises, ninguén diría que existisen motivos políticos de calado que facían xa inviable a convivencia dentro dun único proxecto político. O problema redúcese á vinganza dun líder caído que se resiste a aceptar que o seu tempo xa pasou. E para sustentar este argumento caricaturízanse os principais fitos da vida política do personaxe, que coinciden, quéirase ou non, cos pulos máis significativos do nacionalismo galego dos últimos corenta anos. 

O nacionalismo neste país ten dous problemas. O primeiro, non ser quen de atopar un imprescindible relevo xeracional. Non deixa de ser sorprendente que o líder máis carismático, que o intelectual máis capaz, siga a ser o mesmo que hai catro décadas. Un home de 76 anos. 

O segundo, que as liortas partidistas, cando non persoais, nos leven a intentar destruír a quen, con erros e acertos, conseguiu construír, dende unha posición inicial marxinal, un proxecto político nacionalista crible e aceptado pola cidadanía. A quen fixo posible que un partido nacionalista chegase a gobernar Galicia, algo impensable hai só vinte anos. Para que ocupasen o poder algúns dos que agora se dedican a caricaturizar a historia. E que, de xeito inverosímil, dando mostras da nosa escasa capacidade de autocrítica, tratan de botarlle tamén a culpa de que se tivese perdido o goberno.

Nun país normal, este líder, ao que aquí se intenta defenestrar, estaría xa recoñecido como a figura histórica que ten sido e recollendo o agradecemento que a causa nacionalista lle debe. 

Non é así. Seguramente porque a pesar da idade segue a demostrar unha capacidade intelectual e política excepcional. Son os riscos de ser unha icona histórica e seguir en primeira liña.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado