Esta semana reapareceu Pérez Touriño para falar da eurorrexión, ou máis propiamente dos riscos evidentes de esvaemento en todo o que se tiña logrado ata o de agora. En concreto, facía referencia á paralización, mellor sería dicir anulación, da conexión ferroviaria Vigo-Porto e tamén ao polémico asunto do cobro de peaxes nas autovías portuguesas.
Máis aló destes dous asuntos concretos, aínda que moi importantes en si mesmos, resulta evidente que nos últimos anos estase desandando todo o que se tiña avanzado no sempre tímido proceso de integración.
Historicamente, Galicia e a Rexión Norte, do mesmo xeito que España e Portugal, vivimos dándonos as costas. Coa entrada dos dous países na Unión Europea e a conseguinte desaparición dos controles aduaneiros nas fronteiras, a sociedade civil, moi por diante das autoridades políticas, desenvolveu un proceso de integración, social, económico, educativo, laboral, e mesmo cultural, realmente vertixinoso. Dende logo moito máis intenso aquí que nas restantes comunidades fronteirizas. Demostrándose así, a importancia dos lazos culturais e lingüísticos que nos unen.
A nivel político, sen embargo, a un e outro lado da raia, a construción da eurorrexión non deixou nunca de ser un mantra inevitable nos discursos, fomentado polas políticas comunitarias que incentivaban e financiaban o desenvolvemento de proxectos interrexionais, pero que nunca se tomou realmente en serio, nin se creu na relevancia económica que podería ter o avanzar cara a unha verdadeira integración. Ao contrario, calquera proxecto real, máis aló dos paripés necesarios para cobrar as subvencións europeas, sempre foi visto con receo.
No lado portugués por tres motivos fundamentais. O primeiro, é o ancestral temor á colonización. Xa agora mesmo, hai en Portugal unha excesiva -en opinión de moitos portugueses- presenza española. E non só de turistas de fin de semana, senón tamén, e sobre todo, de executivos e profesionais que acotío desenvolven negocios na capital do país irmán. Esa presenza demasiado visible xunto á inevitable presión mediática e cultural, ven reverdecendo nos últimos anos ese lóxico temor do peixe pequeno a ser engulido polo grande.
O segundo, ten máis que ver coa estrutura política interna de Portugal e coa defensa da hexemonía lisboeta. Unha vertebración real da Eurorrexión Galicia-Norte suporía sentar as bases dunha megalópole que xa sería visible a nivel europeo e moito máis na península Ibérica. A Eurorrexión suma hoxe o 12 % da poboación da península -ao mesmo nivel que Madrid ou Cataluña-. Dende logo, esa meirande integración, con Porto como líder desa rexión urbana modificaría substancialmente o actual peso económico, administrativo e tamén político das dúas grandes cidades portuguesas. É fácil deixar translucir neste asunto o eterno debate sobre o rexionalismo portugués -referéndum de 1998 incluído-.
En terceiro lugar, a falta de peso político e administrativo do Norte e a submisión a Lisboa fai que as opinións favorables do mundo empresarial, académico e cultural a unha meirande integración con Galicia dificilmente traspasen a esfera privada, porque ao final as fabas cócense en Lisboa.
Polo lado galego, recoñecendo que, comparativamente, sempre houbo máis vontade de avanzar que no lado portugués, nunca se superaron dúas eivas decisivas.
A primeira, a prepotencia con que dende sempre miramos todo o portugués. O ser unha rexión máis pobre que nós, fai que perda interese como parceiro.
En segundo lugar, o temor que sempre levantou Porto, como grande metrópole que é, comparada coas nosas cidades, e que de maneira natural estaría chamada a exercer de cidade cabeceira da eurorrexión.
Por último, unha dificultade obxectiva é a asimetría político-administrativa entre Galicia, que conta con un goberno autónomo cunha elevada capacidade de decisión, e a Rexión Norte, onde a CCDRN (Comisión de Coordinación e Desenvolvemento da Rexión Norte) non pasa de ser un instrumento administrativo do poder central sen ningún tipo de autonomía real.
Todos estes motivos, xunto á diminución dos fondos europeos para o fomento das políticas transfronteirizas, e tamén á crise económica, están provocando non xa que non se avance no desenvolvemento de proxectos de integración real, senón -o que é máis grave- que se adopten decisións políticas enormemente prexudiciais. A polémica das peaxes é un bo exemplo.
Nenhum comentário:
Postar um comentário