domingo, 10 de junho de 2012

Así nos vai, así nos ven

Vinte mil afeccionados españois apoiarán hoxe a la roja no partido inaugural da eurocopa en Polonia.

Hai un mes, trinta mil españois desprazáronse a Bucarest para asistir á final da europa league entre o Atlético de Madrid e o Athletic Club, sen contar aos trescentos vascos aos que por erro embarcaron cara a Budapest e que se quedaron sen poder ver o partido.

Agora mesmo, medio país está diante do aparello de tv vendo a final de roland garrós entre Nadal e Djkovic.

Esta mañá o presidente do goberno tivo que sacrificarse e deixar de ver o importante partido de promoción entre o Lugo e o Atlético Baleares porque a alguén se lle ocorreu poñer á mesma hora a rolda de prensa na que explicou as claves da operación pola que grazas á petición "dunha liña de crédito" de 100.000 millóns de euros, España despexou todas as dúbidas que nas últimas semanas se cernían sobre a moeda única europea, contribuíndo deste xeito a estabilizar, xa definitivamente, o proxecto común europeo.

Xa cos deberes feitos e co horizonte de futuro clarificado, o presidente noutra mostra do seu inmenso espírito de sacrificio, emprende viaxe de ida e volta a Polonia para estar cos heroes de la roja no seu partido inaugural, privándose de asistir á previsible vitoria en París do noso mellor tenista.

E despois da eurocopa, que nos ocupará todo este mes, empeza o tour de Francia -que Mariano Rajoy nunca perdoa-, que xa empalma cos xogos olímpicos de Londres...

Así que ata setembro non estaremos plenamente operativos, reservando iso si, tempo suficiente para a liga que empeza xa en agosto.

Calendario infernal como vostedes ven. Menos mal que os 100.000 millóns do rescate de onte dannos a suficiente seguridade para poder ollar o futuro inmediato con tranquilidade. Ademais, o vindeiro ano non hai nin eurocopa, nin mundial de fútbol, nin xogos olímpicos, o que non deixa de ser un alivio.

Así nos vai, e así nos ven dende Alemaña.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado