segunda-feira, 18 de junho de 2012

A coherencia da U

O XIII Congreso da Unión do Pobo Galego (UPG) elixía onte, por unanimidade, novo secretario xeral a Néstor Rego, en substitución de Francisco Rodríguez que ocupaba o cargo dende o ano 2000.

Si hai catro anos era Bautista Álvarez quen abandonaba a presidencia da UPG, agora tocoulle a Paco Rodríguez deixar paso ao necesario, pero controlado, relevo xeracional.

A elección de Néstor Rego non deixa de ser unha sorpresa, pois non contaba en ningunha quiniela para ocupar o cargo. Con non demasiada experiencia en cargos públicos, foi tenente de alcalde no Concello de Santiago de Compostela con Sánchez Bugallo, si ten, sen embargo, longa experiencia en cargos políticos dentro do partido. Defensor dos postulados máis dogmáticos, garante o continuísmo máis absoluto a respecto do liderado do seu antecesor. Por si quedase algunha dúbida, Paco Rodríguez estará vixiante, din hoxe os medios, que seguirá formando parte da dirección política e a quen o secretario de organización lle regalou unha axenda e un caderno para "seguir escoitándoo e ler todo o que queira escribir".

A súa elección supón, polo tanto, unha mensaxe clara de reafirmación nos postulados políticos do partido e de que non cabe esperar ningún cambio de rumbo. Onte defendeu a vixencia do discurso marxista-leninista e que "a globalización oculta un fenómeno vello con novas formas: o imperialismo. A globalización non produce interdependencia senón dominio. Haberá unha Galiza soberana máis pronto que tarde, sábeo o inimigo, por iso a ofensiva españolizadora non só ataca o idioma senón tamén os símbolos nacionais".

E hoxe deixou claro que a UPG non vai tomar ningunha iniciativa para intentar reintegrar dentro do BNG aos colectivos discrepantes que abandonaron a fronte nos últimos meses. "Deben ser eses colectivos os que decidan o que queren facer".

Tan contundente defensa de posicións tan dogmáticas non pode obviar que proseguir nesa encomiable coherencia leva aparellada inevitablemente a perda de apoio electoral e, polo tanto, a ter cada vez menos presenza nas institucións. 

 

Gráfico 1. Resultados electorais do BNG

O mellor resultado electoral do BNG prodúcese en 1997. O gráfico 1, mostra como nas eleccións autonómicas dese ano se obtivo o 25,11% do total de voto. Nas Municipais de 1999 obtívose o 18,54%, e nas Europeas do mesmo ano 21,98%. Nas Xerais do 2000, tamén un bo resultado, o 18,62%. Nas Autonómicas de 2001, o 22,97%. A partir de aí, todo costa abaixo, a pesar de que en 2005 se consigue entrar no goberno da Xunta cun resultado claramente inferior ao de catro anos antes, o 18,89%. É dicir, dende 1997, e van xa 15 anos, non se deixa de perder apoio electoral, en todas e cada unha das convocatorias electorais.

O posicionamento político do novo secretario xeral, deixa claro a qué aspira a UPG. Renunciando a ter responsabilidades institucionais -agás en Pontevedra con Lores- e sen ter que preocuparse polo votos, xa sen lastres internos, poderá, despois de vinte anos de perder o tempo tentando medrar en número de votos, volver a converterse ao cabo na verdadeira conciencia crítica deste país, sen veleidades cara á galería nin concesións ás políticas posibilistas.

Mágoa que ao final Aymerich, decidindo quedarse dentro do BNG, siga inventando siglas que só servirán para continuar perturbando no futuro o traballo da U.

Um comentário:

  1. O paso a segundo plano de Paco é simplemente táctico con vistas a seguir controlando todo o controlable dentro do bng dándolle farangullas e apariencia de poder a trepas como Aymerich e descatalogados como o Camilo. E fin a mesma historia unha e outra vez, e demostrando unha vez máis queo resto dos "politiquiños" nacionalistas teñen simplemente a altura do "pais dos enanos". Por certo onde stá a memoria de Celso Emilio?

    ResponderExcluir

No faiado