domingo, 17 de junho de 2012

Retratos, austeridade, demagoxia

Unha vez máis o Trasno boga contracorrente, me temo. Hoxe está nos medios a noticia de que o Ministerio de Fomento pagaralle ao pintor Antonio López 190.000 euros por un retrato de Álvarez Cascos, antecesor no ministerio de José Blanco, que foi quen lle fixo o encargo ao pintor. Bromas -ben acaídas por outro lado- de si sería mellor investir eses cartos en pagarlle unha operación de estética ao ex ministro, a parte, é fácil trasladar este tipo de noticias á opinión pública co ánimo de xerar indignación e desprestixio da clase política. Máis aínda nestes tempos de facebook e twitter.

Eu non son quén de valorar se 190.000 euros é moito ou é pouco. Está claro que por colgar un cadro, un máis, dun ex ministro no ministerio é unha pasta. Pero por un cadro de Antonio López, ao mellor é moi pouco.

É este un bo exemplo do fácil que resulta facer demagoxia cos gastos públicos. Na mesma liña, critícanse os soldos dos cargos públicos ou o uso de coches oficiais.

Penso que non é necesario explicitar aquí que estamos totalmente a favor da austeridade na administración dos recursos públicos. Sen embargo, cambiar a escala, tratando de que a cidadanía compare os gastos dun ministerio cos orzamentos dunha economía familiar media é trampa. Como simple dato de referencia, o Ministerio de Fomento ten, para este ano 2012, un orzamento de 20.104 millóns de euros.

Outro debate é se temos ou non temos demasiados cargos públicos. Eu opino que si. Pero non se pode soliviantar ao persoal poñendo en evidencia, por exemplo, o elevados que son os salarios dos ministros. Que o son si se comparan cos salarios medios do país, pero que son moi baixos si se comparan cos salarios da clase dirixente na empresa privada. Non hai máis que ver, por citar exemplos que son públicos estes días na prensa, o que cobraba Rato en Bankia, ou o que cobra un tal González Bueno en Novagalicia Banco, ou calquera outro dirixente dunha empresa media-grande neste país.

O mesmo se pode dicir da dispoñibilidade ou non de coche oficial. Por simple cuestión de eficiencia, eu quero ministros ou conselleiros con coche oficial. E non quero que se xeneralice a aplicación de solucións de enxeñaría financeira nas contas públicas, como a que me contaban o outro día, en que un cargo público de outra autonomía explicaba, pavoneándose do seu exercicio de austeridade, que el xa non tiña coche oficial, que agora tiña un taxi 24 horas ao seu servizo.

E tamén quero que un ex ministro teña un retrato seu no ministerio. O que hai que vixiar é que o que se pague estea en consonancia co nome do artista ao que se lle encarga.

Cando un país non poda facer fronte a este tipo de gastos, será a mellor demostración de que é un país inviable.

2 comentários:

  1. Quero comentar que nestes días saiu que en España somos a metade da poboación de Alemania e que temos o triple ou mais de políticos chupando do bote. Pareceme ben que Cascos se faga un retrato pero pareceme mal que haxa que facer tantos, nada teño en contra dos coche oficiais, mais penso que os alcaldes xa non deberían ter tal cousa, porque ai unha chea de alcaldes que teñen comidas protocolarias e de todo e pareceme que iso sobra, e non o temos porque pagar dos impostos namentres os provedores destes axuntamentos teñen que pechar as empresas por non poderes cobrar os choios que fixeron ou o material que lle fiaron...

    ResponderExcluir
  2. Eu non pretendía aquí entrar no debate de si sobran ou non políticos, deputacións, concellos, ou si sobra o senado. Pretendía só poñer de manifesto facer demagoxia con calquera destes asuntos. E isto non quere dicir que eu non sexa o primeiro en reclamar racionalidade e eficiencia no gasto público.
    Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado