domingo, 3 de junho de 2012

Dous equipos de primeira, dous proxectos diferentes

Tendo claro con Boskov que "fútbol é fútbol", e só fútbol, e que ao final os equipos, a lo menos os nosos, non son máis que empresas privadas con total liberdade, polo tanto, para que os socios decidan o seu modelo de xestión, si parece acaído hoxe, que finaliza a semana de gloria para os equipos galegos, analizar as diferenzas de proxecto entre Deportivo e Celta.

O Celta volve á primeira división, agora liga BBVA, despois de cinco anos purgando os excesos do pasado. Aqueles tempos en que se xogaba a Champions e se lle metían sete goles ao Benfica. Cinco anos que serviron, lei concursal incluída, para redimensionar económica e deportivamente o club.

Así, o Celta afrontou esta temporada cun orzamento de 9 millóns de euros. Parece claro que se aprendeu a lección e que nas vindeiras temporadas non se repetirán os erros do pasado. Iso implica que a parroquia de Balaídos ten que ir mentalizándose para sufrir o vindeiro ano na primeira división.

A sensación que da desde fóra, pois por incrible que pareza resulta imposible atopar datos económicos fiables dos clubs de fútbol españois, é que o Deportivo volve á primeira división teimando no modelo que o levou a obter grandes éxitos deportivos no pasado e tamén a ser un dos clubs economicamente máis endebles do fútbol español.

O Deportivo disputou esta temporada en segunda división cun orzamento de 45 millóns de euros, que multiplica por máis de 4 o segundo orzamento máis alto, o do Almería, que ascende a 11 millóns, e que equivale a cinco veces o orzamento do Celta.

Datos de hai dúas ou tres temporadas cifraban a débeda total do Deportivo en 250 millóns de euros. Recentemente, cando se fixeron públicas as escandalosas débedas do fútbol español coa Facenda Pública, sóubose que os dous equipos que máis deben son o Atlético de Madrid, 120 millóns, e o Deportivo, 90 millóns de euros.

Ao longo do campionato deste ano, o Celta aliñou en cada partido oito ou nove xogadores galegos, dos que a gran maioría saíron da súa canteira. O Deportivo ten cinco xogadores nados en Galicia no seu plantel, dos que só un ou dous xogan con certa asiduidade.

Parece claro que o Celta afrontará a primeira división con modestia e mentalizado para loitar por evitar volver á segunda división. A afección de Vigo, sen embargo, seguirá disfrutando, coma este ano, de sentirse plenamente identificada cuns rapaces que, por ser de aquí, saben o que é sentirse celtista.

O Deportivo seguirá fuxindo cara adiante. Seguramente será quen de ter un equipo deportivamente moito máis competitivo, no que non haberá ningún xogador da casa. E así ata quedar esmagado debaixo da bola de neve da débeda que seguirá medrando de maneira inexorable.

Eu gusto moito máis dos goles de Moaña, aínda que sexan menos.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado