sábado, 2 de junho de 2012

Ramoncín, Arguiñano e Keynes

Hai uns días, facendo zapping na tv atopeime, nun canal de cuxo nome non me lembro, a Ramoncín, si o mesmo que se fixera famoso como o rei do frango frito, disertando sobre Keynes e a síntese neokeynesiana.

Máis recentemente, nunha conversa con miña sogra, acérrima seguidora dese non cociñeiro - pero gran comunicador- chamado Arguiñano, entérome de que nun programa recente, entre a explicación de cómo se debe marcar a pescada na rella e a de cómo facer, con fundamento, a salsa bechamel, colocou un discurso, intelixible para a audiencia, no que explicaba polo miúdo o que realmente está ocorrendo con Bankia e as súas consecuencias.

Hoxe mesmo, atopeime na rede cun neotelepredicador que emite vídeos dende unha site chamada lagranjahumana.com que afondaba nas consecuencias para o conxunto do sistema económico do mesmo caso Bankia.

Agora mesmo, descubro no twitter un artigo de Antón Losada, si o mesmo que foi director xeral de comunicación ou xefe de gabinete do BNG no goberno bipartito, xa non me lembro ben, no que achega cinco razóns contundentes, polas que na súa optimista opinión, España non vai ser intervida pola Unión europea. E leo tamén as apostillas que José Luís Gómez, ex director de LVG e de Xornal de Galicia, lle fai ao artigo de Antón Losada, poñendo en primeiro plano o lastre que supón para a recuperación da economía española o déficit da balanza comercial.

Ademais, son infinitas na rede as achegas de frikis do máis variado pelaxe que xa sexa en soporte escrito, gráfico ou audiovisual, pontifican sobre as razóns da crise e as máis variopintas solucións.

Como non vexo tal profusión de intrusos cando se trata de abordar temas que teñan que ver coa nanotecnoloxía, a biomedicina ou a física cuántica, penso que esta banalización da economía debería levar aos seus teóricos a unha fonda reflexión sobre a verdadeira utilidade do seu traballo.

2 comentários:

  1. Eso non ten porque ser necesariamente malo. Todo dios opina de fútbol e pon a parir a mourinho, guardiola, ronaldo e quen faga falta por non ter puta idea... e logo cobran millóns a esgalla.

    Sígalle dando!

    ResponderExcluir
  2. E que poñer a parir a Mourinho é un gustazo, aínda que sexa sen cobrar...
    Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado