quinta-feira, 28 de junho de 2012

Para qué ten que servir a comisión de investigación das caixas de aforros

Houbo que agardar a que a Fiscalía Anticorrupción presentase unha querela na Audiencia Nacional por presunta administración desleal ou apropiación indebida contra os ex directivos de Novacaixagalicia, para que o PP accedese a que se constitúa no Parlamento de Galicia unha comisión de investigación dirixida a esclarecer a xestión das caixas de aforros, as razóns que levaron á súa desaparición e as indemnizacións millonarias que percibiron os seus ex directivos.

Parece obvio que unha comisión parlamentaria de investigación ten que centrarse en analizar as claves políticas do asunto e non as responsabilidades penais dos directivos implicados. Para isto último xa está a fiscalía.

Polo tanto, esa comisión de investigación debería dar luz sobre algúns aspectos importantes dende un punto de vista estritamente político:

1. Qué argumentos sustentaban a actuación do goberno galego para forzar a fusión de Caixa Galicia e Caixanova.

2. Cál foi a actuación, e con qué obxectivos, de cada unha das tres forzas parlamentarias, en todo este asunto.

3. Qué obxectivos se perseguían con aquela non nata lei de caixas de Galicia da que xa ninguén se lembra.

4. Cál foi o procedemento de contratación da famosa auditoría de KPMG que "garantía" o éxito da fusión, e que se utilizou como argumento político fundamental para obrigar a Caixanova a aceptar o proceso de fusión con Caixa Galicia.

5. Cál era a situación patrimonial real e a solvencia de cada unha das dúas caixas, antes da fusión.

6. Cál foi a implicación real da Consellería de Facenda, e por extensión do goberno de Galicia, en todo o proceso de negociación da fusión. Todos lembramos aquel famoso documento no que o pe de firma do presidente Núñez Feijóo aparecía escrito á man.

7. Qué tipo de negociación se estableceu, de ser o caso, entre o goberno de Galicia e o Banco de España.

8. Quén tomou a decisión, e con qué criterios, de poñer ao Sr. Castellano á fronte de Novagalicia Banco.

9. Ata qué punto o goberno de Galicia tivo información de primeira man en relación á negociación do FROB con Novagalicia Banco.

10. En qué medida o goberno de Galicia foi consultado, ou informado, da valoración patrimonial que o Banco de España fixo Novacaixagalicia, en función do que algo que tiña unha valoración contable de 1.714 millóns de euros, pasou a valer 181 millóns de euros.

11. Cál foi a verdadeira responsabilidade política do goberno Galego no evidente fracaso da fusión das dúas caixas de aforros.

Parece, sen embargo, que tal como foi presentada onte no Parlamento de Galicia a constitución da comisión de investigación, non hai ningunha intención de dar resposta a todos estes asuntos. Semella máis ben, que o que se pretende, ao socaire do proceso penal iniciado pola Fiscalía Anticorrupción -que como xa se está vendo, provoca un evidente morbo na cidadanía-, é centrar todo o debate na presunta responsabilidade penal dos implicados, pasando de puntiñas sobre as responsabilidades políticas que puidera haber neste esperpéntico asunto.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado