sábado, 30 de junho de 2012

Retirarse a tempo... ou non

Celebrando que a Fiscalía Anticorrupción intente poñer en claro as presuntas irregularidades dos ex directivos de Novacaixagalicia no cobro de indemnizacións, algo imprescindible por hixiene democrática, todo parece indicar que como é este un asunto que alimenta de maneira directa a fame de morbo da cidadanía, ao final vai servir tamén, para deixar sen resposta as preguntas políticas que formulabamos no anterior artigo e que, á postre son as realmente importantes para explicar por qué unha operación política que tiña como obxectivo lograr unha entidade financeira galega, forte e solvente, acabe provocando, finalmente, a desaparición da entidade.

Pero volvendo á querella da fiscalía, o primeiro que sorprende é que se reclama a devolución de 7.875.474 euros, cando en outubro de 2011, momento en que se produce a saída deses directivos, os titulares de prensa indicaban que se levaban 23,6 millóns de euros.

A segunda sorpresa é que deses 7,8 millóns de euros, 5.266.014 euros, o 67% do total, correspóndelle devolvelos a García de Paredes, único dos implicados que procedía de Caixa Galicia, xa que todos os demais viñan de Caixanova. Convén recordar que en outubro ocupáranse moitos titulares de prensa coa noticia de que García de Paredes renunciaba a unha parte importante da indemnización, xa que, se dicía, corresponderíanlle entre 10 e 12 millóns de euros.

En terceiro lugar, impútase a Fernández Gayoso pero non se lle reclama a devolución de cantidade algunha, porque non se levou nada. Simplemente, por ser o presidente do Consello de Administración. E non se di nada do resto de conselleiros. Ou máis propiamente, dise explicitamente que non se enteraban dos acordos que aprobaban.

Cuarto, non se di nada na querella do anterior director de Caixa Galicia quen, segundo se publicou no seu momento, se levou entre 11,2 millóns de euros. Aínda que, parece ser, hai algunha denuncia privada diante da mesma fiscalía para que se investigue a súa xestión á fronte de Caixa Galicia.

Independentemente de cáles sexan finalmente as responsabilidades de uns e outros, unha vez máis se constata aquilo de que unha retirada a tempo é unha vitoria.

Agardemos que pírrica.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado