sábado, 16 de junho de 2012

Vivenda e crise: moita calma

En España, practicamente o 85% da poboación ten vivenda en propiedade. En Alemaña, só o 45% (véxase o gráfico 1). 

Gráfico 1. Taxa de vivenda en propiedade sobre o total de poboación

Esa querenza atávica por ter casa de seu, xunto coa lasitude da banca á hora de conceder hipotecas e os baixos tipos de xuro, foi o que puxo en marcha a tan nomeada burbulla inmobiliaria.

Pero ese foi só o comezo. A partir de aí, a voracidade de construtores e promotores fixo o demais. No gráfico 2, vese cómo medrou o parque de vivendas en relación á evolución da poboación. O exceso de vivendas incrementouse de maneira continua dende o ano 1996.
Gráfico 2. Evolución do número de vivendas en relación á evolución da poboación


É fácil de entender, pois, que, como se ve no gráfico 3, o sector da construción fose incrementando a súa contribución ao PIB (o 9,2% en 2007) como ao emprego total (o 13,6% tamén en 2007).

 

Gráfico 3. Peso relativo do sector da construción na economía española


Así se foi xerando o stock de vivendas que amosa o gráfico 4. En 2005, o stock neto incrementouse un 90% respecto a 2004. E seguiuse incrementando con taxas anuais superiores ao 40% ata 2009, ano en que se modera o crecemento, pero aínda así medra un 12%. Despois de tres anos de profunda crise, en 2010, o volume de stock se mantivo practicamente igual que en 2009.

Gráfico 4. Stock neto de vivendas e a súa evolución

O gráfico 5, mostra ese exceso de stock por comunidades autónomas. En Galicia un exceso do 2,5%. Baixo si se compara co Levante, Catilla-La Mancha ou as illas. 

Gráfico 5. Stock de vivendas por Comunidades Autónomas

Si analizamos agora a evolución dos prezos (gráfico 6), tomando como referencia o prezo de 2007 (índice 100), a vivenda nova non empezou a diminuír practicamente ata o final do 2010. Dende 2007 ata agora a vivenda nova baixou en España un 16,12% (en Galicia só un 8,27%), mentres que o prezo da vivenda usada caeu en España un 31,37% (en Galicia un 22,43%).



Gráfico 6. Evolución do prezo da vivenda nova e usada en España e en Galicia (2007=100)

Tendo en conta as cifras de paro, por riba do 25% en España, e en Galicia converxendo a velocidade de lóstrego cara á mesma, a nula capacidade da banca para conceder créditos e, sobre todo, a devaluación interna (caída de salarios, ou máis propiamente, redución da capacidade adquisitiva) á que nos someterá a UE e o FMI, xunto coa necesidade da banca, tanto a "solvente" como a nacionalizada, de limpar os balances de activos tóxicos e poñer no mercado, por tanto, con intención de vendelas, as vivendas que teñen en propiedade, non debería estrañar a noticia que saía onte na prensa: un banco vende pisos na mariña de Lugo a menos de 20.000 euros.

Se por fortuna, vostede ten liquidez suficiente e está pensando en comprar, non se apure amable lector. Moita calma. Tal como vai isto, pode acabar sendo caro. Moi caro.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado