sexta-feira, 17 de agosto de 2012

Percebes e percebeiros

Acabo de ler o artigo de Rosa María Artal, "Rajoy, la estrategia del percebe". Está ben. Sobre todo porque é unha maneira fina de chamarlle percebe, que como se sabe, entre nos ten outras connotacións. 

É certo que se lle pode aplicar a estratexia de aferrarse á pedra como fai o percebe, para manterse como candidato do seu partido despois de perder as eleccións de 2004, e sobre todo, despois de perder as de 2008, cando ninguén daba un peso por el, efectivamente. Hai que ser moi impertérrito para soportar sen inmutarse o aluvión de críticas, os ninguneos, mesmo os insultos, cando non os ataques directos dos seus para quitarlle a silla. Coma o percebe, agarrouse firme, esqueceuse de todas as inclemencias do medio, e non cedeu un milímetro. Grazas a esa estratexia, aí está, de presidente do goberno. Hai catro anos era impensable. 

Pero o que non se pode aducir é que sexa a mesma estratexia do percebe a que fai que se manteña no cargo. Hai nove meses gañou as eleccións coa máis ampla maioría da historia deste país. 

É ese resultado, que lle outorgaron once millóns de cidadáns, o que o lexitima. Paréceme bastante naif aludir a que a acción de goberno que está levando a cabo non se corresponde ao programa co que se presentou ás eleccións. Pregunto eu, ¿pero qué programa?. ¿De verdade cren vostedes que eses millóns de cidadáns o votaron polo que poñía, ou non poñía, o programa? 

Hai uns días preguntabámonos aquí "¿a qué de dedica a oposición?". Pensamos que esa ten que ser a clave para socabar a lexitimidade de Mariano Rajoy. O traballo que lle corresponde facer á oposición. E que pasa por conformar unha alternativa de goberno que sexa quen de presentarlle á cidadanía un programa económico claro e concreto que enfronte de cara as principais cuestións ás que no moi curto prazo terá que dar resposta este país. Esa sería a vía para mover a maioría que, queirámolo ou non, instalou confortablemente a Mariano Rajoy en Moncloa. 

Pero lonxe diso, asistimos día si e día tamén, a declaracións, e a accións, dos líderes políticos e sindicais, meramente populistas que só buscan o titular de prensa e o aplauso dos seus. Dicía onte Xosé Luís Barreiro en LVG que os partidos da oposición e os sindicatos están nunha estratexia de "canto peor mellor", pensando que dende o caos haberá máis posibilidades de reverter a situación. Son innumerables os erros históricos que se teñen cometido en aras dese "canto peor mellor".

Con todo, nos coidamos que nestes momentos, nin partidos nin sindicatos teñen definida unha estratexia consciente nesa dirección. Entre outras cousas, porque serían os seus apoios, e eles mesmos, os que máis sufrirían as consecuencias. Trátase simplemente de falta de capacidade, cando non de lexitimidade, para desenvolver unha folla de ruta crible coa que facer fronte aos graves problemas que nos asolagan.

Os percebes poden estar tranquilos mentres non haxa percebeiros dispostos a mollarse de verdade.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado