sábado, 13 de outubro de 2012

No ecuador da campaña electoral

Da a impresión de que pouco se está movendo. Debates electorais incluídos. A pesar da agradable sorpresa de Jorquera, non para os que xa o coñeciamos, e a pesar de que incriblemente Pachi saíu vivo do debate, semella que, agás para o seu propio aparato que se mostra nervioso en exceso, para a maioría da opinión pública o PP avanza placidamente cara á revalidación da maioría absoluta. 
 
Nos dous debates, Núñez Feijóo estivo por debaixo das expectativas. No primeiro, con Pachi, demasiado espeso. Enredouse en datos e cifras que non se correspondían coa demagoxia elemental e directa do seu opoñente. Na opinión do cidadán medio foi máis efectivo aquel "o déficit quedoulle niquelao" de Pachi Vázquez que tódolos números que Núñez Feijóo puxo enriba da mesa.
 
No debate con Jorquera, percibiuse claramente a sorpresa do presidente da Xunta diante da capacidade dialéctica do candidato do BNG. Na miña opinión, Jorquera fixo o seu traballo de maneira excelente. Sen embargo, viuse penalizado polas escasas propostas dignas de tal nome do seu programa electoral. O tema estrela do BNG nesta campaña é a reivindicación dun concerto fiscal para Galicia. É unha proposta claramente seguidista do nacionalismo catalán, pero que ignora a realidade económica do país. Ao redor deste asunto temos escrito moito neste blog: O ovo ou o foro; Novo modelo de financiamento autonómico: máis insolidariedade; Nacionalismo orientado, nacionalismo desorientado; Referendums, independencia e PIB; Nacionalismos: utopías, dogmatismos, realidades. Fronte ás vagas cifras que manexa Jorquera de recadación do estado en Galicia e das transferencias que o sistema de financiamento autonómico realiza a Galicia, só hai que lembrar o diferencial entre o PIB per cápita e a renda dispoñible per cápita en Galicia. En 2009, último dato que ofrece o INE, o PIB per cápita en Galicia equivalía ao 89,8% da media española. No mesmo ano, a renda per cápita dispoñible era o 94% da española. É dicir, cada galego dispón dun 4,2% máis de renda do que realmente produce. Superávit que é financiado pola solidariedade interterritorial española. É por isto, que resulta difícil de entender que, con argumentos estritamente económicos, se reivindique un concerto fiscal. Outra cousa sería formular o asunto en termos políticos, explicándolle á cidadanía que o concerto vai facer que sexamos, a curto prazo, un pouco máis pobres pero que incrementará de xeito decisivo a nosa capacidade de decidir. Curiosamente, este asunto, o de máis substancia de todo o que propón o BNG, non saíu no debate con Núñez Feijóo. Por algo será. 
 
Fóra das tres forzas con representación parlamentar, agás Alternativa Galega de Esquerdas, o panorama é desolador e con encefalograma plano. Pola dereita, nin UPyD nin Mario Conde amosan ningunha posibilidade de rabuñarlle votos ao PP. O invento de Mario Conde que parecía tiña algunha posibilidade en Pontevedra e en Ourense, desínchase de maneira notable a cada día que pasa, confirmando o que é en realidade, un chiringuito impresentable que pode ter algunha posibilidade nunhas eleccións xerais, sobre todo en Madrid co altofalante de Intereconomía. No centro-esquerda, Compromiso por Galicia está confirmando os augurios pesimistas que aquí lle prognosticabamos hai xa tempo. Cunha composición en exceso heteroxénea, que vai dende o dereitismo do seu cabeza de lista por Pontevedra, Rafa Cuíña, ata onte militante do PP, ata posicións netamente esquerdistas. Sen un liderado digno de tal nome, pois Xoán Bascuas está sendo claramente superado polo seu papel. Sen implantación territorial e sen unha estrutura de cadros de partido con experiencia suficiente. Está dando a imaxe do que é, un experimento naif cheo de xente con boas intencións. 
 
Así as cousas, a única novidade salientable no panorama político destas eleccións é a coalición de Anova e Esquerda Unida, Alternativa Galega de Esquerdas. Máis propiamente, a única novidade é un home de 76 anos que leva toda a súa vida na política. Xosé Manuel Beiras é o único cabeza de cartel capaz de conectar coa xeración desencantada que ten agora menos de trinta anos. Ademais, o xiro cara o altermundismo e o internacionalismo solidario, reforzado coa suma de Esquerda Unida, deixando nun segundo plano as reivindicacións nacionalistas, coincide cos resultados do último barómetro do CIS a respecto da auto identidade e do sentido de pertenza dos galegos, e fai que a súa mensaxe sexa a que mellor se adapte ás demandas dunha parte considerable da mocidade galega. Ademais, Alternativa Galega de Esquerdas ten base territorial e ten unha estrutura de cadros moi experimentada. É por iso que a pesar do evidente boicot que está a sufrir por parte dos medios de comunicación, representa a día de hoxe a única esperanza para impedir que o PP revalide a súa maioría absoluta.
 
De feito, se Alternativa Galega de Esquerdas está por riba dos catro ou cinco deputados, a pesar da previsible debacle do PSOE e da parece que inevitable caída do BNG, a maioría absoluta do Partido Popular estará en perigo.
 
De tódolos xeitos, o principal eslogan do PP fronte a esa posibilidade de alternancia, "elixen vostedes entre un goberno e un reparto de goberno", semella ter demasiada forza.
 
Así está a cousa.

4 comentários:

  1. Adoito estar moi de acordo cos seus post, e con este na maioría do exposto. Onde penso que patina é cando analiza a AGE. Como produto é unha excelente oferta electoral para os tempos que corren, unha opción esquerdista con lider atractivo, etc. Pero unha alternativa xa é chamarlle moito. O que vostede lle chama cadros, se se refiere aos de IU, non sei onde estiveron metidos estes anos, e se fala dos de Anova, tampouco mostraron moita habilidade á hora de xuntar non máis aló de 300 militantes nun colectivo de 800, e pescar maioritariamento nos que levaban tempo tendo berrinches co BNG, con razón ou sen ela. Se se molesta en mirar o seu programa electoral, verá o que eses cuadros tan ben formados pensaron como alternativa para o campo galego: seis liñas.
    Pero o que é de traca é o do boicot dos medios. En calquera medio público deberían ter tratamento de organización extraparlamentaria. É dicir, tendendo a cero, e na TVG non se poden queixar. E do trato que recibe en LA VOZ, moito menos, co mesmo espazo practicamente que os tres partidos con representación, e con seguimento da caravana. E o investimento que están a facer en publicidade en medios tampouco é escaso, precisamente.

    ResponderExcluir
  2. NUn colectivo de 8.000, perdón

    ResponderExcluir
  3. No tema dos medios, relendo o artigo, poido estar de acordo contigo, Carlos. AGE é con diferenza o grupo extraparlamentar mellor tratado. O que tiña na cabeza cando escribín era que se Beiras tivera oportunidade de estar nos debates, non habería debates. Porque Núñez Feijóo non os aceptaría.
    No que se refire aos cadros, como penso que se pode interpretar da lectura do artigo, a comparación refírese exclusivamente ás outras propostas extraparlamentarias. Non en relación ao PP, PSOE ou BNG.
    Grazas por leernos.
    Saúde,

    ResponderExcluir
  4. CxG ten, desde logo, bastante aparencia naïf nesta campaña, pero talvez non tanto pola súa realidade política de fondo coma por chegar baixo mínimos en coñecemento por parte do electorado. Discrepo claramente no da implantación: Compromiso non ten menos cá AGE, Izquierda Unida incluída; nin menos cadros experimentados, nomeadamente no ámbito municipal.

    Iso si, afrontou esta empresa desde clara inferioridade financeira e mediática.

    ResponderExcluir

No faiado