sexta-feira, 30 de outubro de 2009

Modelo produtivo sustentable ou longa noite de pedra

En ciertos oasis el desierto es sólo un espejismo
Mario Benedetti


Hai cincuenta anos España era un país subdesenvolvido. Arrasada polos efectos da Guerra, a súa economía era de pura supervivencia.

O despegue económico, a partir do Plan de Estabilización de 1959, baseouse no aproveitamento dos recursos naturais e na man de obra abundante e barata. É dicir, o modelo típico das economías pobres.

Ese modelo permitiu atraer investimento estranxeiro directo a través de industrias de enclave necesitadas de recursos naturais desprotexidos e de salarios baixos. Industrias que tiñan difícil acomodo no resto de Europa. Citroën en Vigo, Alúmina-Aluminio en Xove, a Refinería de Sabón ou Celulosas en Pontevedra, son exemplos paradigmáticos que nos tocan de preto.

En segundo lugar, permitiu expulsar cara á emigración, primeiro a Latinoamérica, nomeadamente Venezuela, e logo a Europa, cuantiosos continxentes de man de obra que ao tempo que aliviaban a presión sobre o feble mercado de traballo interior, contribuían a equilibrar unha balanza de pagos lastrada pola nosa nula capacidade exportadora, coa excepción xa naquela época do turismo.

Este modelo económico, complementado coa autonomía plena en política monetaria que permitía sucesivas e continuas devaluacións da peseta en función das necesidades da balanza comercial, mantívose vixente durante todo o tardofranquismo e os primeiros anos da democracia, permitindo pasar dunha economía de subsistencia plenamente autárquica a unha economía con importantes taxas de crecemento propia dos países en vías de desenvolvemento.

Unha vez superadas as turbulencias provocadas polo cambio de réxime, coa entrada na Unión Europea, que facilitou aínda máis a captación de investimento estranxeiro directo debido ás importantes diferenciais de salarios que mantiñamos co resto de Europa, produciuse un notable efecto expansivo da nosa economía. Tan notable que practicamente absorbeu os continxentes de man de obra que anteriormente se vían obrigados a emigrar.

Este efecto expansivo, xunto ás importantes axudas directas da Unión Europea, permitiu que en poucos anos pasásemos a ser un país aparentemente desenvolvido economicamente. O reflexo inmediato deste crecemento foi un enorme incremento da demanda interna, estimulada, aínda máis, polas favorables condicións financeiras e crediticias. Un meirande mercado interno provocaba, a súa vez, un efecto panca no conxunto do sistema, creando a ilusión óptica de que eramos un país rico entre os ricos. Era a época en que xogabamos a Champions League e competiamos por superar a Italia, e mesmo a Francia, en renda per cápita.

Porén, a nosa competitividade seguía estando baseada nos mesmos factores que nos anos sesenta: os recursos naturais. Recursos naturais que se puñan en valor no mercado en forma de oferta turística e construción inmobiliaria.

As diferenzas fundamentais eran que, unha vez integrados no espazo euro, o favorable diferencial salarial foi desaparecendo e que perdemos definitivamente a autonomía en política monetaria. Nada que non tivese solución nunha fase enormemente expansiva dunha economía mundial cada vez máis aberta e globalizada, que facilitaba as exportacións ao tempo que permitía captar man de obra barata de África e Latinoamérica.

En todos estes anos de vento a favor non fixemos ningún esforzo serio por xerar novas vantaxes competitivas que, unha vez esgotados os recursos naturais, nos permitisen equipararnos aos países verdadeiramente desenvolvidos. En troques de tomarnos en serio a sociedade do coñecemento e aproveitar as axudas europeas para dar o salto imprescindible en I+D+i e formación, dedicámonos a construír paseos marítimos e pavillóns de deportes. Cando non a aproveitar os fondos europeos especificamente condicionados á formación para facer enxeñería de financiamento de determinadas organizacións.

Así chegamos a actual situación. A crise financeira internacional e o estoupido da burbulla inmobiliaria provocan unha depresión profunda da demanda interna, ao tempo que unhas condicións enormemente máis esixentes dos mercados internacionais poñen de manifesto as nosas escasas capacidades competitivas.

Non fomos quen de aproveitar a longa etapa de bonanza e expansión para dar o salto de verdade a un modelo económico baseado no coñecemento. Semella que xa é tarde. Calquera política nesa dirección ten un demasiado longo período de maduración.

Non nos queda máis que esperar unha recuperación do modelo que nos permita seguir vivindo dos recursos naturais en forma dunha nova expansión da construción e do turismo e dunha recuperación da demanda interna baseada na tarxeta de crédito. Esta recuperación, sen embargo, non serviría máis que para prolongar durante uns anos esta ilusión óptica de ser un país rico. A verdadeira causa do problema, a escasa capacidade competitiva do país seguiría aí de xeito subxacente.

A outra solución, máis realista, pasa por asumir que non somos tan ricos como críamos estes últimos anos e axustar, polo tanto, o nivel de vida ás nosas verdadeiras posibilidades económicas. Baixarse da nube, en definitiva, e prepararse para unha longa noite de pedra económica.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

No faiado