domingo, 29 de novembro de 2009

Nacionalismo orientado, nacionalismo desorientado

Hai tempo que todo o espectro do nacionalismo catalán ten os obxectivos claros. Tanto no político como no económico. Todo avance, toda presión cara unha meirande soberanía política acaba por concretarse en algún tipo de avantaxe económica para Cataluña. Dende logo, este nacionalismo actual desprendeuse hai xa tempo de calquera reminiscencia do internacionalismo solidario que durante moitos anos estaba no cerne do nacionalismo de esquerdas. O nacionalismo de dereitas sempre o tivo claro.

Non deixan de sorprenderme as mostras de admiración, cando non de envexa, do nacionalismo galego con iso que se deu en chamar a "dignidade de Cataluña" a raíz da polémica pola próxima sentencia do Tribunal Constitucional sobre o Estatut e a cacarexada editorial conxunta de toda a prensa catalá. Non entenden que a dignidade está directamente relacionada coa balanza fiscal. Esas mostras de fraternidade non nos levan máis que a facerlle o xogo a un nacionalismo insolidario.

Seguimos pensando que temos un aliado en Cataluña derivado da irmandade histórica de dous países oprimidos polo mesmo estado centralista, da condición de nacionalidades históricas, de galeuzca,... Pero hoxe Cataluña formula a súa relación co resto do estado, e polo tanto tamén con nós, en función de intereses económicos exclusivamente. Xogamos, por tanto, en bandos diferentes, eles máis ricos, nós máis pobres.

Os obxectivos políticos están vencellados aos económicos. Lémbrese senón todo o proceso de negociación do financiamento autonómico, no que se deixou de manifesto o peso político-económico de cada quen. Visualizouse entón, como se ían debuxando dous bloques atendendo exclusivamente ao nivel de riqueza. Máis capacidade política, pero para seguir xogando dentro do estado, non nos enganemos, máis avantaxes económicas para Cataluña, menos solidariedade cos pobos do resto do estado.

Hai tempo que o nacionalismo galego está desnortado. Cun mínimo respaldo social -15% e baixando-, fálase cada vez menos de soberanía, en consonancia coa opinión da maioría social do país, porque falar de soberanía e independencia cando para nós, máis pobres que a media do estado, a pertenza ao estado español ofrece saldos económicos positivos, pasaría por asumir esa realidade económica. Como, semella que de xeito bastante realista, isto sería electoralmente unha catástrofe a curto prazo, a táctica política nacionalista orientase a conseguir unha mínima lexitimidade social traballando no parlamento español para conseguir pequenas esmolas económicas a cambio de apoios puntuais ao partido do goberno. Situándose así ao mesmo nivel que calquera outro partido regionalista español. O resultadismo económico conduce a perder a identidade política. Así se vai dilapidando o estatus político herdado do galeguismo histórico. Así se descapitaliza politicamente o país.

Para avanzar cara a máis nacionalismo, para construír un proxecto de país, temos que saber quén somos e o qué somos. A "dignidade de Galicia" como nación pasa por asumir a nosa realidade social e económica.

8 comentários:

  1. E cal é, según ti, a estratexia a seguir polo nacionalismo galego para sermos coherentes coa nosa realidade económica?

    ResponderExcluir
  2. Asumir a nosa realidade socioloxica e económica, esquecerse do curtopracismo electoral e traballar con obxectivos de longo alcance

    ResponderExcluir
  3. Ahí trasno,defender a soberanía e dignidade sen remilgos, comenzariamos ao melhor co 1%, mas ao longo prazo ao mellor gañamos.saudos

    ResponderExcluir
  4. Totalmente de acordo coa túa análise, especialmente na primeira parte. Para comprender cal é o fin último do Estatut abonda con ler as súas disposicións transitorias.
    No tocante á segunda parte, aínda estando de acordo, compriría, na miña opinión, avanzar un pouco máis na propia análise económica, tal como pide caralladas. Para min, a situación actual é kafkiana: cos nosos sectores produtivos estratéxicos afogados polo conxunto da estrutura económica do Estado, un escenario hipotético de independencia -ou de non-dependencia- levaría a un estado inicial de inanición económica (e aínda habería que velo, se se contara coa axuda dos instrumentos de reforma estrutural da UE), pero a medio e longo prazo poderíase desenvolver un modelo baseado nas propias fortalezas, hoxe por hoxe imposíbel.

    ResponderExcluir
  5. Non sei si vos dades conta, pero estase a falar dunha Galiza trasnoitada, non por ser o vello cantar sinón por ser o mesmo que teimudamente levamos a falar dende antes da transición.Dase por suposto que é o nacionalismo o que ten que artellar medidas para tal desenrolo, máis o nacionalismo non foi quen, ata o de agora, de poder conquerir que a sociedade teña un mínimo de sentimento xa non nacionalista, como pouco galeguista.Unha vez conquerido o anterior podería ser que tivésemos apoios en distintos sectores do abano social.
    E seguiremos a falar do mesmo, é o que parece.

    O BNG debería ter o sentido de transmitir sin complexos quen é, e o que quere para Galiza.Semella estar nunha situación de impasse que non leva a ningures mentres socialistas e populares están a situarse có poder que cada un ten,(Xunta e Goberno de Madrid) nos concellos.En tanto a base social votante e de partido do BNG, está desorientada, precisamente por ter a ambas as dúas "olvidadas" durante a acción de Goberno do Bipartito e sin visos de querer facer algo que anime a ditas bases cara ás eleccións municipais.
    Cómprelles deixar de enfrentarse os distintos grupos e unificar criterios de comunicación cara a sociedade, ao cabo pouco queda para as próximas municipais.O corpo non mas dá boas.

    ResponderExcluir
  6. Non sei se no seguinte post "un modelo económico para a Galicia do século XXI (primeiro esbozo)" darei resposta a algunhas das dúbidas que formulábades, en particular Caralladas,Esedidió e Pinchorla. En calquera caso, isto é o que penso.
    Saúde,

    ResponderExcluir
  7. É evidente que hai que ligarse á realidade, que cada quen mira par si (caso de Cataluña, que fai moi ben, por certo); pero se vende-la identidade, a longo prazo non che vai quedar nada, máis que pasar a se-la nova Extremadura do norte, sinxelamente hai que ser máis ambicioso, e se se me permite a expresión, máis avariciosos, a túa analise é para xente que vai xogar un partido a empatar, co cal sempre acaba perdendo, aínda que coincido nalgunhas cousas, o espírito de fondo deste artigo, ó meu entender, vai cargado dunha subordinación a España brutal, mellor estar en España que nos dan catro patacóns máis, patacóns que veñen da Cataluña...

    ResponderExcluir
  8. Estimado XabierKhan, totalmente dacordo coa primeira parte do teu comentario. Na segunda parte, coido que ou eu me expliquei moi mal ou ti o entendiche ao revés. Seguramente o motivo é o primeiro. Eu dicía que a nula ambición do BNG o está a converter nun partido regionalista español máis. E que para defender posicións máis soberanistas hai que empezar por asumir quén somos e o qué somos. Entre outras cosas, que somos máis probes que a media do estado.
    Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado