Se algo lle faltaba a este debate popular, e populista, sobre as caixas de aforros para convertelo definitivamente en loita de opinións individuais e prexuízos persoais era a aparición dos abaixo asinantes. Xa non.
Onte publicaba o diario El País -sorprende que sendo a maioría dos asinantes colaboradores habituais de La Voz de Galicia o publicase o diario madrileño- un escrito asinado por 8 (oito) economistas, titulado "cajas de ahorros: ser o no ser".
Resulta un tanto pretencioso que con tan reducido número de asinantes tal iniciativa se presente como "manifiesto de los economistas gallegos". Sería máis acaído presentalo simplemente como unha columna de opinión -unha máis, das múltiples publicadas polos mesmos asinantes- sen necesidade de apelar á faceta profesional de cada quen.
Sendo loable a pretensión de tal escrito: " trasladar a la opinión pública algunos criterios y objetivos que consideramos vitales para orientar el bienestar y el desarrollo económico de Galicia en los próximos años", sorprende que exprese só opinións persoais.
Porque nese escrito non hai nin un só argumento económico. Só xuízos de valor e consideracións individuais. Con tal carga argumental defínese "lo que es mejor para Galicia en estas circunstancias" ou que "la peor opción sería aquella que abriese las puertas a una privatización o un desarraigo de las cajas". Non se reclama en ningún momento máis transparencia, claridade e información para poder formarse unha opinión con máis fundamento. Ningunha crítica a como se desenvolveu todo o proceso ata o de agora.
Afírmase sen atisbo de dúbida que "La mejor opción para nosotros, como economistas y ciudadanos, sería dar un nuevo paso en la suma de nuestras cajas, reconvertir su estructura organizativa buscando el acuerdo sindical, con una hoja de ruta de apoyos públicos que garantice su solvencia y con una renovación de su estructura directiva ajustada a la escala autonómica y a los valores de transparencia, servicio público y equilibrio territorial". Ningunha reflexión sobre a viabilidade económico-financeira das distintas opcións, ningunha análise sobre as posibilidades reais desa futura caixa froito da hipotética fusión-absorción.
Ningunha análise sobre os posibles intereses políticos de cada quen para seguir a folla de ruta marcada polo presidente. Pola contra, si se chama a atención sobre os " intereses personales y la defensa de localismos" para facer recaer sobre eles os riscos de fracaso da estratexia "que Galicia precisa".
Sen poñer en dúbida as boas intencións dos asinantes do manifesto, semella que o que menos precisaba este debate é recorrer á autoritas profesional para poñer en valor simples opinións persoais, por outro lado sempre respectables.
Nenhum comentário:
Postar um comentário