quinta-feira, 18 de fevereiro de 2010

Un nobel ao servizo dos intereses de país?

Leva tempo Krugman predicando sobre a, na súa opinión, inviabilidade do euro. Tamén opina que é a causa última do desastre de moitas economías da eurozona. Pero non só foca a súas teimas no euro. Tamén, dende que os chinos decidiron manter o tipo de cambio do yuan máis o menos fixo respecto do dólar, esixe, non se sabe moi ben con qué mecanismos -que non traspasen os límites da economía-, que a moeda china se revalúe.

Diríase que todo aquilo que potencialmente ameace a primacía americana para controlar a política monetaria mundial non é do gusto do Nobel.

Con todo, moitos dos argumentos que utiliza son difíciles de discutir. Gusta de comparar a Unión Europea con EE.UU. para resaltar dúas diferenzas básicas esenciais. En primeiro lugar, a moi escasa integración fiscal e orzamentaria en Europa en relación a EE.UU. Segundo, as dificultades á mobilidade da man de obra que en Europa se derivan das barreiras idiomáticas entre os diferentes países.

É certo que Europa, ao menos a eurozona, precisa unha meirande integración fiscal e orzamentaria, económica en definitiva, e por ende, política. Permitía iso compensar as dificultades que conxunturalmente puideran xurdir nun determinado país. Como tamén é difícil de discutir que a construción europea tivo sempre, dende o inicio, un excesivo sesgo económico e un déficit político. Porén, seguramente a curto prazo será difícil avanzar nesta dirección polas reticencias que alemáns e franceses, sobre todo, teñen a ceder máis soberanía.

É tamén certo que as barreiras idiomáticas condicionan a mobilidade da man de obra. Eu diría que tamén as raíces culturais e as pautas sociais nos manteñen aos europeos máis pegados á terra e menos predispostos á mobilidade laboral.

O que xa é máis discutible é a fe que ten Krugman na devaluación monetaria como pócima de fierabrás para solucionar os problemas de competitividade.

Nun post anterior -¿hay política económica más allá de la devaluación?- analizabamos como evolucionaron os tipos de cambio das principais divisas fronte ao euro. Entre 2001 e 2008 o dólar depreciouse un 64% e, aínda así, o saldo comercial americano perdeu neses oito anos 280 puntos en relación a Alemaña. Demostra isto, pois, que Alemaña sen ningún tipo de panca monetaria, senón todo o contrario, soportando as continuas devaluacións das restantes divisas, mellorou notablemente a súa competitividade, multiplicando por 3 o seu saldo comercial de 2001. EE.UU. devaluando un 64% ve como o seu déficit comercial non para de medrar, duplicando en 2008 el enorme déficit que xa tiña en 2001.

Estes datos poñen en evidencia que a devaluación como arma para gañar competitividade ten un impacto máis que discutible. Cando non se posúen outras avantaxes competitivas, a devaluación por sí soa non sirve. Máis ben ao contrario, podería dicirse que é o camiño máis curto para a "arxentinización" dunha economía -países cada vez máis pobres e menos competitivos-, como se ten demostrado repetidamente tanto en Latinoamérica como na nosa propia historia previa ao euro.

O seu argumento de que se agora España, por exemplo, tivera autonomía monetaria podería saír máis facilmente da crise, seguramente sería certo no moi curto prazo. As crises sen política monetaria coa que xogar son máis duras, máis traumáticas. Pero como se ten demostrado tantas veces, si se é quen de superalas, acábase por ser máis competitivo no medio e longo prazo.

Agardemos que os seus mal disimulados anceios de ver a desaparición do euro non se cumpran.

Faría ben a academia norteamericana en reclamar cambios de verdade no modelo produtivo do seu país, en lugar de empecinarse en seguir intentando resolvelo todo no taboleiro das políticas monetarias mundiais.

4 comentários:

  1. dúas cousas:

    - os comentarios de krugman sobre europa teñen pouco de chovinismo proamericano. de feito, moitos dos seus artigos saíron a defender que o modelo de estado do benestar das economías europeas non ten nada que envidiar ós USA en termos de crecemento económico (defende que o maior crecemento dos usa nas últimas décadas provén exclusivamente do maior crecemento poboacional), e por suposto aposta por un achegamento do modelo americano ó europeo neste sentido. Algo que krugman esperaba Obama fose facer, e últimamente có tema da reforma sanitaria (outro dos temas nos que krugman incide constantemente) teno bastante defraudado.

    - en canto ás devaluacións, como todos os retoques "nominais", teñen efecto no corto prazo. como política para arranxar o desaxuste dunha economía nacional no contexto internacional ten sentido. como política a medio e longo plazo para mellorar a posición competitiva dunha economía, ou o que sexa, as políticas nominais teñen pouco ou nulo efecto. O mesmo aplica, por exemplo, ós tipos cero nos usa. Cando os baixaron ata ahi, ben. Unha vez alí, "e agora que?". Non quedou outra que baixar os calzóns e facer o que dixeron que nunca ían facer, políticas cuantitativas de expansión monetaria. Bueno, e como eso, moitas máis cousas.

    ele que hai que durmir.

    ResponderExcluir
  2. Nom conhecia a Krugman, mas essa crítica da UE, pola sua teórica falta de homogeneidade já expunham os americanos para a política exterior quando Kissinger dizia que nom sabia com quem tinha que falar para dirigir-se a UE. O grande capital semelha desejar o superestado (EUA, UE, China, Japom-Coreia-Taiwam, etc.) como ferramenta para implementar a sua globalizaçom ultraliberal descendente com sanha e comodidade, talvez esgaçar esses modelos poda frear em parte a sua vorágine se se combinam com outro tipo de medidas.
    De momento o maior déficit da UE vê-se nas condiçons leoninas impostas ao povo grego polo grande capital que de certo aginha contará com novas vítimas no Mare Nostrum... seria pensável impor isso a Califórnia ou a qualquer um dos estados membros dos EUA? Umha aperta irmandinha

    ResponderExcluir
  3. Si xa sei que o perfil progresista de Krugman labrouse polas súas teses próximas ao modelo "socialdemócrata" (?). Pero dende hai tempo ven insistindo en asuntos de política monetaria que non se entenden se non é por pretender preservar "a hexemonía do dólar", ou si?

    ResponderExcluir
  4. Polo menos no medio prazo, non acredito que estean pensando "no gran estado capitalista mundial", senón simplemente en tratar de defender a cada vez máis debilitada competitividade da economía americana.
    Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado