O parlamento de Galicia aproba unha lei. O goberno de España sométea á valoración do Consejo de Estado que ditamina que ao menos en dez artigos hai indicios de inconstitucionalidade. Polo tanto, presenta recurso diante do Tribunal Constitucional.
Dende o punto de vista técnico este é o relato dos feitos. Qué alternativas “técnicas” hai para que o goberno de España retire o recurso? Que se modifique a lei. Cunha nova redacción o goberno pode considerar que xa non é necesario que se pronuncie o Tribunal Constitucional, co que se acabaría o problema.
Qué se está escenificando entón neste teatrillo da negociación de Madrid?. Nin Currás nin Rueda poden ofrecer nada que non sexa o compromiso de levar ao Parlamento de Galicia a reforma da lei.
E está claro tamén que se o goberno de España considera que coa actual redacción a lei incorre en inconstitucionalidade, Zarrías non pode prometer retirar o recurso mentres non se modifique esa redacción.
Non sei, pois, cál é o ámbito de negociación para que o optimismo ou pesimismo dos conselleiros Currás e Rueda oscile do “moderado optimismo” ao “nin optimismo nin pesimismo” nas roldas de prensa que convocan ao saír das sucesivas reunións. Nin sei tampouco cál é o obxectivo desta escenificación, máis aló de que a nosa conselleira se luza diante das cámaras con boutades que pouco axudan a crear un clima de acordo, como que “considera que o Consello de Estado fixo unha lectura apresurada do texto”, vamos que non o leron ben, por iso non se enteraron; ou que estamos dispostos a “acompasar” a nosa lei á de outras comunidades autónomas –non sei como se pode acompasar nada se non se modifica o articulado-; ou que Zarrías de maneira displicente lles conteste que “esto no es un corta y pega”.
Resumindo, o único resultado que se me antolla é que os nosos veñan para aquí cunha chuleta feita por Zarrías de cómo o goberno de España quere que se redacte a modificación da lei no Parlamento de Galicia. Pero para esa viaxe sobran alforxas.
A única posibilidade de negociación ten que ser política, non técnica. Pero o goberno de España xa se coidou moito de impedir ese ámbito de negociación neste teatrillo colocando a Zarrías que, evidentemente, non ten ningunha capacidade de negociación política.
Onte intentouno Jorquera. Con pouco éxito. Mágoa que non haxa que aprobar uns presupostos xerais do estado esta semana...
Pero tamén onte entrou en xogo Pepe Blanco, ao ser nomeado para integrar esa comisión que vai promover o acordo de estado fronte á crise. Estade atentos, por aí pode vir a solución política ao asunto das caixas. Avanzaríase así cara ao escenario 3 que debuxabamos nun post anterior.
E o BNG? Esta é outra historia.
Nenhum comentário:
Postar um comentário