domingo, 18 de abril de 2010

A culpa é do Just in Time?

Hai uns anos titulaba o Faro de Vigo "mexar Just in Time", para recoller o malestar sindical na planta PSA cando comezaron a aplicarse procedementos xusto a tempo.

Onte, publicaba Atlántico Diario un editorial que levaba por título "la culpa es del Just in Time", referido ao problema destes días en Citroën, consecuencia de que un provedor de segundo nivel, subministrador de Faurecia, deixou de subministrar e ademais negábase a devolver uns moldes vitais para fabricar noutra empresa os compoñentes que ela viña producindo. Concentraba Atlántico Diario as culpas no Just in Time, abogando, incluso, pola conveniencia de constituír stocks de seguridade para evitar este tipo de riscos.

O Just in Time é, despois da cadea de montaxe fordista, a meirande innovación que se ten producido no século XX nos procesos de produción de gran volume. Non só polos incrementos de eficiencia que provocou, senón, sobre todo, porque cambiou os criterios competitivos, permitindo fabricar produtos personalizados -mass customization- a precios de produto estándar.

En determinados sectores, nomeadamente os de produtos tecnoloxicamente complexos, ningunha empresa podería competir sen aplicar criterios Just in Time. Do mesmo xeito que a ninguén se lle ocorrería hoxe fabricar produtos de gran volume sen aplicar un proceso de produción fordista.

Porén, o caso destes días en Citroën, deixa en evidencia como as empresas occidentais, en xeral, esqueceron na implantanción do Just in Time, unha parte fundamental do asunto. Todo o relativo á relación con provedores. O éxito das empresas xaponesas estaba baseado nunha axeitada selección de provedores, fundamentada, antes que nada, nun clima de confianza, lealdade e fidelidade do provedor, compartindo con este os beneficios derivados deste modo de produción. En occidente, pola contra, optouse por aplicar ás empresas provedoras toda a presión do Just in Time, sen ofrecerlles ningunha compensación. López de Arrriortúa foi, no seu momento, un dos máximos exponentes deste comportamento.

En ausencia de cooperación, formuladas as relacións provedor-cliente en termos de conflito, cada parte do proceso fai valer as súas armas. No caso da empresa do Bierzo DDM (Diseño y Desarrollo de Matricería) interromper o subministro e quedarse cos moldes que lle había facilitado Faurecia para fabricar diferentes compoñentes do salpicadero do C4 Picasso. A orixe do problema é que Faurecia rescindiu diversos contratos de produción coa empresa de Ponferrada, a que, previamente, había realizado unha grande inversión na súa fábrica precisamente para poder atender a demanda de Faurecia.

A culpa é do Just in Time ou da nosa -occidental- particular visión das relacións comerciais interempresariais?

2 comentários:

  1. A culpa é dun sistema productivo no que priman factores puramente económicos a curto, (maximo beneficio e mínimo custo), en troques de primar factores económicos a medio ou largo prazo, (fidelización da clientela, prestixio e calidade do producto, seguridade do investimento)...
    Resumindo, a diferenza entre un especulador e un emprendedor...

    ResponderExcluir
  2. Concordo. Mais tamén nesa certa "superioridade cultural" que nos fai máis listos que ninguén.
    Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado