Había unha vez un presidente que investido por unha exigua maioría absoluta, pero maioría ao fin e ao cabo, decide que o proxecto estrela -no que non tiña reparado con antelación- do seu recente estreado goberno, ía ser a creación dunha grande entidade financeira.
Semellaba unha tarefa doada e con grandes posibilidades de rédito político. Había no país dúas caixas de aforros de tamaño mediano e o seu goberno tiña capacidade lexislativa para influír nos criterios de gobernanza das mesmas. Había algúns atrancos, pero nada insalvable. Unha das caixas non gozaba de moi boa saúde e o presidente da outra estaba manifestamente en contra da fusión.
Pon en marcha a maquinaria lexislativa co obxectivo fundamental de cortarlle a cabeza ao presidente díscolo que se opoñía á fusión. Ese home era xa moi maior, bastaba con fixar unha idade de xubilación que o obrigase a retirarse. Iso e o nomeamento polo parlamento de novos conselleiros, en ámbalas dúas caixas, obedientes ao presidente, sería máis que suficiente. Coa axuda doutro grupo parlamentar minoritario, con ansias de capitalizar unha parte do rédito político, apróbase a nova lei nun tempo record.
Semellaba que a operación estaba feita. Castigábase ao díscolo, favorecíase á caixa máis amiga, precisamente a que non gozaba de moi boa saúde, e de paso cumpríanse os desexos do principal medio de comunicación do país, quen dende había un tempo viña presionando con forza para que se materializase a fusión. Para darlle sustento técnico á operación encárgase unha auditoría express, custa un millón de euros e di o que quere que diga o que a paga. Todo ben.
Envolto na bandeira, o presidente saca peito. Como artífice da seica tan desexada fusión, correspóndelle a el ordenar con minuciosidade como se levará a cabo. Como home ecuánime que é, ordena unha fusión equilibrada e paritaria. Parecía estar favorecendo, sen dúbida, a aqueles que máis se opuxeran á operación. Así son os bos e xenerosos.
Pero non estaba todo feito. O goberno do reino recorre a flamante lei diante do tribunal constitucional, o que implica que se paraliza a súa aplicación. Nin se pode xubilar ao presidente díscolo, nin se poden nomear novos conselleiros obedientes.
Pouco despois, o Banco Central do Reino, o que realmente manda nos asuntos financeiros, á vista do estado de saúde das dúas caixas, ordena que se inicien as conversas para a fusión, baixo ameaza de intervir algunha ou as dúas entidades, pero ¡sorpresa!, di que quen ten que pilotar as negociacións é a caixa máis pequena e o seu ancián presidente díscolo.
Así pois, aquel pobre vello que xa se daba por amortizado, e que nunca quixo a fusión, esixe unhas condicións leoninas para avanzar. Non só quere absorber á caixa rival, senón que se nega a disfrazala de fusión paritaria. Quere que quede en evidencia que el gañou esa partida. E como non se fía do presidente, quere ademais, que se derrogue a lei de caixas. Quere que se lle garantan ao menos cinco anos como presidente único da nova caixa.
O presidente xa non di nada. Como os bos espectadores dos xogos de naipes, mira e da tabaco.
cando xogas ó mus e non vas á grande, deixar pasar a chica e como tes unhas medias metes 5 a pares pero claro....a parella rival ten duplex e vótache un órdago. Esa cara de parvo que se che queda tena agora o presidente.
ResponderExcluirDin que o que fai a lei fai a trampa, asi que haberá que ver por onde sae o presidente dese governo.
Máis que saír, semella que está agardando que o saquen...
ResponderExcluirSaúde,