sábado, 10 de abril de 2010

Ten sentido seguir investindo diñeiro público na industria do automóbil?

O 75 % dos automóbiles que se venden en España son de importación. Isto significa que de todo o diñeiro público investido nos sucesivos plans renove, vive, etc. -máis de 700 millóns de euros en 2009 e máis de 500 en 2010, sen considerar as achegas das diferentes comunidades autónomas- só a cuarta parte repercute na maior demanda de vehículos fabricados en España. Con outras palabras, o 75% deses recursos acaban estimulando as ventas de automóbiles fabricados en Francia, Alemaña, Xapón ou Corea.

É certo que esas axudas tamén favorecen a concesionarios e distribuidores, porén non creo que por esta vía se xustifique gasto tan importante. Por outra banda, non hai que esquecer que, como é obvio, o impacto sobre o volume de ventas é puntual e directo, exclusivamente en tanto duran as axudas. Nunha situación de crise severa e duradeira como a que vivimos, e á vista argumentos anteriores, non parece xustificado, entón, destinar tal cantidade de recursos a incrementar artificialmente, nos primeiros meses de cada ano, as ventas de automóbiles.

Doutro lado, hai uns días anunciouse que a Xunta de Galicia fará unha achega a PSA de 40 millóns de euros. E o goberno de España, este mesmo mes, repartirá 145 millóns entre os fabricantes implantados en España. Aínda que oficialmente trátase de financiar proxectos concretos, a realidade é que responden á chantaxe que constitúen as ameazas máis ou menos veladas de deslocalización de fábricas, coas dramáticas consecuencias que esas decisións terían sobre as cifras de paro.

É esta unha política de investimentos públicos que non conduce a ningures. A máis crise, máis ameazas, polo tanto máis fondos que aplacan a situación uns poucos meses, pero que non van influír cando as decisións de redución da produción, de peche ou de deslocalización sexan inevitables. As estratexias dos fabricantes semellan claras. Se continúa a recesión nos mercados mundiais, a primeira medida será replegarse, mantendo a produción nos seus países de orixe, na medida do posible, e reducíndoa en países como España, meramente ensambladores pero con elevados custos. Cando o mercado se recupere, a expansión farase en países con menores custos salariais -Asia, Norte de África, Leste de Europa ou América Latina-.

No canto dese intento desesperado por manter a flote ese xigante con pes de barro chamado automoción -España aínda é o oitavo fabricante mundial-, máis coherente sería investir eses recursos en reforzar a competitividade e a internacionalización de industrias autóctonas.

6 comentários:

  1. Os ingresos de España no 2008 vía automóbil, foron de 27.390,1 millóns de euros de euros e milleiros de empregos xerados.

    http://www.hoymotor.com/noticias/Los,ingresos,estatales,por,la,94411,06,2009.html

    Polo que parece sae rendíbel os investimentos

    ResponderExcluir
  2. Por suposto que a automoción é un pilar fundamental da economía española. Nun post anterior (http://afuradadotrasno.blogspot.com/2010/02/fabricacion-de-automobiles-outra.html) facíamos unha breve cuantificación de cál é o seu impacto en termos de PIB, de emprego e de exportacións. Por tanto, totalmente de acordo co que tí dis. O sentido do meu comentario é que as cada vez máis importantes axudas públicas, como non poden ser indefinidas no tempo, pouco efecto van ter a respecto das decisións que se tomarán nas casas matriz das empresas... cando se teñan que tomar.
    Saúde,

    ResponderExcluir
  3. los incovenientes de una economía monosector y la resistencia a un cambio estructural de calado.
    cuidate

    ResponderExcluir
  4. O problema pode ser o perfil das axudas...


    Concordo que a subvención a merca de coches pode ser unha política errada e cecais un chisco inxusta...


    Por que me subvencionan trocar de coche e non de avioneta, iate ou de bicicleta ou vaqueiros?...


    Agora ben, unha política de "inversión" en novas tecnoloxías de transporte, por exemplo o desenvolvemento do coche electrico ou aspectos similares, si pode ser convinte sempre que se vincule a localización da tecnoloxía, (podense chegar a perder as cadeas de montaxe, pero en todo caso interesa amarrar os centros tecnolóxicos, de investigación e de administración e decisión, cousa por outra parte moi defícil pois nise eido competimos xa con rivais acreditados e consolidados e ademais sedes das empresas matrices do sector)...

    ResponderExcluir
  5. Eu tamén o vexo difícil, amigo Costadamorte...
    Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado