terça-feira, 11 de maio de 2010

The end?

Un goberno normal dun país normal, antes de meterse nun fregado como o das caixas tería feito as contas e sabería con seguridade cál, de todas as alternativas, era a mellor ou, cando menos, a posible.

Como non temos un goberno normal, nin vivimos nun país normal –de aí que manteñamos dende que abrimos este blog a cita de Celso Emilio na cabeceira-, fomos testigos estupefactos, de toda a colección de despropósitos que se ven encadeando dende que hai case un ano se iniciou o asunto.

Lembremos que o melón o abre LVG co único obxectivo de que “a súa caixa” absorbese á “outra caixa”. Semellaba fácil si se lograba crear o clima axeitado na opinión pública explotando a vena da galeguidade,. Trataríase unha vez máis de que “o peixe grande se comera ao pequeniño”.

A primeira sorpresa, política, é que Núñez Feijóo, despois dun tempo de cauta indecisión e de marear a perdiz, se suma sen ningún tipo de cautela á estratexia do xornal coruñés. Era tentador o rédito político que se derivaría de abandeirar a idea forza da galeguidade e dos intereses de país. De paso, estreitaría lazos cos verdadeiros poderes políticos e mediáticos (Caixa Galicia e LVG).

Pensando exactamente nos mesmos obxectivos, o BNG, sorpresivamente, convértese no escudeiro do PP. Por aquel entonces, o PSdG, se ben inicialmente fai un amago de subirse ao carro, consciente de que en Madrid se defendía outra estratexia máis global e de sentido contrario, bota o freo e mantense á marxe.

A medida que se vai conformando unha radical oposición cidadá no sur e tamén, se supón, a medida que se van coñecendo datos sobre a saúde económico-financeira das dúas entidades, Núñez Feijóo e o seu goberno, empezan a modular o discurso, falando xa de “fusión equilibrada e igualitaria”, sen chegar a explicar nunca en qué consistiría tal cousa.

LVG conseguiu personalizar a oposición á fusión na cúpula dirixente de Caixanova –nomeadamente no seu presidente Fernández Gayoso-. Unha vez máis, Núñez Feijóo entra ao trapo do xornal do norte, promovendo, xunto ao BNG, a finalmente non nata Lei de Caixas, que tiña como obxectivo primordial eliminar do ámbito de decisión de Caixanova aos que se opoñían á fusión.

No entanto, o goberno de Madrid que mantivera unha prudente distancia do asunto, entende que chegou o momento de “mandar a parar” porque o que estaba enredando a Xunta de Galicia poñía en perigo a súa estratexia global, pactada, polo demais co PP a nivel de España. Recurso de inconstitucionalidade que paraliza a lei. O Banco de España comeza a tomar, xa en serio, cartas no asunto. Apremia ás caixas a que lle presenten vías de solución xa. A intención era clara, plasmar a imposibilidade da fusión e forzar así á Xunta de Galicia a aceptar as respectivas solucións SIP que cada unha das caixas por separado formularían. En caso contrario, ameaza clara de intervención de unha ou incluso das dúas caixas. Motivos económicos para xustificar esta drástica solución parece ser que abundan.

De repente, sen embargo, o Banco de España cambia de posición. Deixa de oporse á fusión intraterritorial e empurra ás dúas caixas para que cheguen a un acordo xa. Por qué?. Semella que por dous motivos. A situación económica de unha das caixas, que sumada á situación de Caja Madrid, fai inviable xa o SIP que estaba previsto levar a cabo. Segundo, dado o deterioro da posición de España nos mercados de débeda internacionais –rumores de plan de rescate ao estilo grego incluídos- sería impensable que o Banco de España puidese intervir nestes momentos unha entidade financeira sen que esa decisión arrastrase definitivamente ao pozo a imaxe do Estado Español. Así pois, a única solución que permite gañar tempo, pouco –un ano ou dous, non máis- é a fusión que se acabará materializando esta tarde. Apoiada xa tamén, por suposto, polo PSdG.

Só queda por ver cómo se resolve a parte morbosa do asunto. Será quén Gayoso de conseguir que se escenifique claramente a súa vitoria fronte a LVG, Núñez Feijóo, BNG, sindicatos, etc., cunha nova caixa claramente dominada polo sur –presidencia, dirección xeral e sede operativa en Vigo- ou finalmente pactarase unha maquillaxe axeitada para que semelle ser simplemente unha fusión equilibrada?. En calquera caso, pobre equilibrio cando o peixe grande ten que aceptar unha so aparente igualdade de condicións co peixe pequeno. Moito terá que traballar aínda LVG para convencer aos seus de que o resultado non é malo...

A medio prazo, co pacto PP PSOE pechado en Madrid, a única solución, se a hai –eu son escéptico- pasa pola privatización da nova caixa a través das cotas participativas. Se non é así, directamente a desaparición da novísima gran caixa galega.

Para este viaxe sobraban albardas.

3 comentários:

  1. pais de ananos somos abondo, si.

    E a noticia relevante non é que se fusionen, senón a da semana pasada, cando psoepepé (a mesma xxxxx é) sacaron as caretas e dixeron abertamente de qué vai isto: privatización. Unha vez sabido (ou mellor dito, feito público, sabido xa era por moitos e xa o dixemos algúns en público hai tempo), unha vez feito público, todo o demáis importa máis ben pouco.

    Por último, suliñar que o despropósito no que se converteron os mercados financeiros estas últimas 2 semanas deixa a única esperanza en que esta crise sirva para algo e aprendamos algo en que reformen o sistema financeiro a nivel internacional, visto que a batalla no Estado xa está perdida.

    Quero pensar que a nivel internacional cambiarán as cousas, pero...

    ResponderExcluir
  2. Mañan, con máis tempo a ver se podo dar unha contestación mellor.

    Hoxe, alomenos, parece que por fin deron acabado co culebrón que tanto dano ten feito xa. Nas análises post-partido xa se verán por onde tira cada un.

    Sen embargo, o realmente importante agora, pareceme a min, é saber como vai lidiar a nova caixa cos regalos envelenados que lle traen as dúas participes (de estes estou a falar: http://tinyurl.com/2vs9go2). Porque ese, e non as sedes, nin os presidentes, nin os SIP, nin a galeguidade, é o auténtico problema. Por separado, ou agora xa, xuntos.

    ResponderExcluir
  3. Totalmente de acordo cos dous, amigos. O interesante do post-partido son os asuntos que apunta Ansible.
    Saúde,

    ResponderExcluir

No faiado