domingo, 15 de janeiro de 2012

¿O corralito como solución?, non grazas

Está empezando a tomar corpo nos ambientes máis progresistas e entre os economistas alternativos, moi lonxanos da corrente principal, a idea de que para España a solución á crise pasa pola saída do euro. Acabo de ler un artigo de Vicenç Navarro que sustenta esta tese tomando como referente o acontecido en Arxentina na última década, aínda que ao final ven a dicir que mellor outras alternativas.

Centrar a análise só nos resultados logrados, sempre expresados en porcentaxe sobre a situación inicial, corre o risco de provocar un efecto espellismo motivado pola simplificación.

É certo que a Arxentina mellorou moito a súa situación económica nos dez últimos anos. Tanto en taxas de crecemento económico, como en redistribución da riqueza e en atención social aos excluídos.

Pero a avaliación deses bos resultados non pode ignorar nin a situación de partida, nin os custos que a cidadanía arxentina tivo que soportar. E aínda menos supoñer que as receitas aplicadas alí terían que ser igualmente válidas en España.

No ano 2000, a Arxentina era un país en caída libre. A situación social e económica era dramática para un país que a mediados do século XX estivera no club dos países ricos (remito ao lector a un post anterior: A Arxentina tamén foi un país rico). Incomparablemente peor á que vivimos hoxe en España. Os niveis de pobreza e de exclusión social acadaban taxas próximas ao 40% da poboación. O ritmo de empobrecemento das clases medias era vertixinoso. A falta de credibilidade institucional era absoluta. A protección social inexistente. A capacidade de boicot dos sindicatos -piqueteros- brutal. Os niveis de corrupción, aínda que pareza imposible, moi superiores aos que hoxe contemplamos en España. As taxas de emigración, nun país historicamente receptor de inmigrantes, acadaban niveis incribles, despoxando ao país do seu mellor capital humano.

Por outro lado, a paridade do peso co dólar non levaba aparelladas ningunha das avantaxes, en termos de axudas directas, que para España supuxo a integración na UE primeiro e na zona euro despois.

Este contexto, non cabe dúbida, era o caldo de cultivo axeitado para adoptar solucións á desesperada. E decídese romper a paridade monetaria co dólar recuperando así a capacidade de facer política monetaria. Máis propiamente, a capacidade de devaluación, incluíndo tamén nesa devaluación á débeda externa. Pero non pensemos que esta decisión foi gratuíta para a cidadanía. Dende o "corralito" ata a enorme perda de poder adquisitivo dos salarios, pasando polo repunte da inflación, todos os esforzos recaeron na clase traballadora. Un axuste brutal que ao longo desta última década tivo que soportar a poboación arxentina.

Por todo isto, coincido con Vicenç Navarro cando di que España non é Arxentina e que a saída do euro non é a primeira opción para superar a crise. Nin a actual situación española é para nada comparable á da Arxentina do ano 2000, nin a paridade peso-dólar ten nada que ver coa integración na Unión Europea nin na zona euro.

A saída da crise para España, e para os demais países europeos, ten que vir de construír máis Europa e non de desmantelar o que se conseguiu ata o momento. Avanzar cara á plena integración política democrática que permita unha verdadeira unión fiscal e monetaria. Calquera outra alternativa pasaría por resignarnos a volver aos anos setenta.

Os experimentos, con gaseosa...

2 comentários:

  1. O que esquecen estes economistas é que Arxentina pode seguir sobrevivindo grazas ás vendas de Petróleo e Soia pero a realidade é que naide quere invertir en Arxentina polo default que fixeron no seu momento, da mesma forma que ocorre con Ecuador que vive grazas ó petróleo. Por non falar que Arxentina está impoñendo moitísimas trabas a importación do exterior xa sexa revistas (Caso Orsai) ou automóviles (BMW pode levar automóviles á Arxentina porque exporta Soia e Petróleo arxentinos.

    É moi sinxelo decir adeus FMI e Viva Autarquía !! cando tes materias primas e podes subsistir aínda que eso supoña que ningunha empresa doutro país quere invertir como está ocorrendo con Venezuela

    Mágoa que estes economistas empregen argumentos pero non conten todo o conto... aínda que o peor, é que están moi apoiados por IU e outros movementos de esquerda que ven como volver á peseta sería a solución esquecendo a devaluación, custe de materias primas que se pagan en dólares, etc...

    ResponderExcluir

No faiado