sábado, 4 de fevereiro de 2012

Aquí se acaba a historia daquel peixe rodaballo...

Onte aprobáronse polo Consello de Ministros as novas medidas de reestruturación do sistema financeiro, que buscan un saneamento rápido e profundo. Un dos aspectos máis importantes é a obrigatoriedade de provisionar o 80 % dos activos inmobiliarios (65% para solo e obras sen rematar, 35% para as vivendas terminadas).

Sen contar a obriga de provisionar o 7% dos préstamos sen risco, o servizo de estudos do BBVA estima que Novagalicia Banco necesita uns 1.600 M € para cumprir coas esixencias do decreto que onte aprobou o Ministerio de Economía. Con datos de setembro 2011, os últimos que se fixeron públicos, no balance de Novagalicia Banco figuraban 1.148 M € en vivenda terminada, 389 M € en vivendas en construción e 1.800 M € en solo. En total, 3.337 M €. Naquel momento a cobertura -provisións- era de 871 M €. Aproximadamente, un 26% do total de activos. As condicións aprobadas onte polo Consello de Ministros, esíxenlle a Novagalicia Banco unhas provisións totais de aproximadamente 2.670 M € (80% dos activos), polo que se restamos os 871 M € que xa tiña dotados en setembro, necesitaría provisionar 1.798 M € adicionais.

As entidades que poidan acometer estas provisións cos seus propios recursos, contan co que queda de 2012 para conseguilo. Os bancos que non poidan facelo ou que necesiten máis tempo, disporán dun ano máis, sempre que acudan a unha integración. Contan ata finais de maio para logralo. Si conseguen fusionarse poden recorrer ao FROB, iso si, a intereses de mercado.

Con datos do terceiro trimestre de 2011, o volume de negocio reduciuse no último ano un -6%. Os activos totais redúcense un -5,55%. O marxe financeiro redúcese un -26%. É certo que os custos de explotación diminuíron un 13%, a costa de pechar 300 oficinas e 1.151 prexubilacións. No último ano perdeu 1.965 M € en depósitos de clientes. As desinversións na carteira industrial, supoñen unha diminución na renda variable do -21% -603 M € menos que hai un ano-.

Cuberta xa a primeira fase do plan de recapitalización deseñado por José María Castellano, formalmente, os empresarios galegos investiron 70,4 M €, pero desa cantidade en realidade habería que descontar os 26 M € que nominalmente aporta Manuel Añón, xa que en realidade este empresario, a resultas do conflito que mantiña coa Corporación Caixagalicia, lévase 100 M € dos que 26 M € os dedica a comprar accións do banco. O certo é que en cash o empresariado galego aporta 44,4 M €, que equivalen ao 1,68% do capital do banco. O sr. Añón posúe o 0,98%. Si a iso lle sumamos o 6,84% que posúe Novacaixagalicia, resulta que o capital galego en Nova Galicia Banco representa o 9,5% do total. O resto é capital aportado polo FROB.

Con este panorama, ¿alguén segue pensando que é posible atopar inversores privados, galegos, oriúndos ou internacionais, con algún interese en investir un euro en Novagalicia Banco?. ¿Alguén cree que algunha das tres entidades financeiras españolas con capacidade para levar a cabo absorcións solventes, Santander, BBVA ou La Caixa, van ter algún interese en facerse con este morto?.

Seguramente, a única solución acabará sendo facer outro paripé, como unha fusión con Bankia que só servirá para prolongar a agonía.

Que por non haber aceite houbo que comelo asado...

Um comentário:

  1. A min coas túas cifras saeme algo menos: algo menos de 1.400 millóns. A idea é provisionar o solo ao 80%, a obra en construcción 65% e a vivenda rematada o 35%: con eso saen provisións por 2.267, menos 891 provisionados igual 1.396

    Calderilla en calquer caso... Que a vistan bonitiña para casar con La Caixa, por favor...

    ResponderExcluir

No faiado