Parece evidente, dende calquera punto de vista, que a actual situación de crise económica e a imperiosa necesidade -real ou imposta- de reducir o déficit público, constitúen a conxuntura perfecta para, dunha vez por todas, tomarse moi en serio a loita contra o fraude fiscal.
Por iso non deixa de sorprender que practicamente todas as medidas adoptadas se dirixan á, evidentemente necesaria, redución do gasto. E que cando se pensa en incrementar os ingresos -recente suba do IRPF- sempre se acabe por esixirlles máis aos que, dende sempre, máis veñen contribuíndo.
En España, na actualidade, a taxa de economía non declarada estímase no 23,3% do PIB, o que supón 245.000 M € anuais. O 66%, as dúas terceiras partes (161.647 M €) proceden do fraude fiscal, o terzo restante é fraude laboral.
O diñeiro en metálico en circulación en España equivale ao 10% do PIB, fronte ao 5% da Zona Euro e ao 6% de USA. A pesar de ter España a rede máis completa de oficinas bancarias e caixeiros automáticos de Europa. O 64% do diñeiro en efectivo en mans da cidadanía española está en billetes de 500 €, o que equivale ao 30% do total deste tipo de billetes emitidos na UE.
Os empregados e pensionistas declaran -con datos de 2009- unha media de 18.400 €. Os pequenos e medianos empresarios e os profesionais liberais declaran 13.525 €. Os autónomos declaran 11.567 €.
Segundo Gestha (sindicato de técnicos del ministerio de hacienda), España é o segundo ou terceiro país máis defraudador da Unión europea.
Os traballadores españois soportan un meirande esforzo fiscal que a media da Unión Europea, só superados por italianos e portugueses. Xa que aínda que a presión fiscal (porcentaxe de salario que se destina ao pago de impostos) é menor que a media europea (37,8% en España, 43,14% media europea, para 2008), o esforzo que se fai é maior por ser os salarios medios máis baixos aquí.
Ademais, a presión fiscal non é homoxénea para o conxunto dos cidadáns. Existe unha presión fiscal dual. Por un lado a que soportan as rendas que poden ser ocultadas, empresas e profesionais. Por outro, a que soportan as rendas "retidas en orixe" e polo tanto coñecidas e recadadas pola facenda pública. Como consecuencia, os traballadores e pensionistas ingresan o 75% da recadación total do IRPF.
É certo que o goberno do PP anunciou no Consello de Ministros do 5 de xaneiro un novo plan de loita contra o fraude fiscal. Aínda que non se coñecen as medidas concretas que se contemplan nese plan, si se fixo público que o obxectivo é aumentar a recadación en 8.171 M €.
Se temos en conta que con unha redución de só 10 puntos da taxa de economía non declarada se recadarían cada ano 25.000 M € adicionais, non parece, certamente, que ese plan anunciado polo goberno sexa demasiado ambicioso.
Así que, ao que parece, tampouco será desta...
Nenhum comentário:
Postar um comentário